Tras os dramáticos incendios que asolaron o pasado domingo a Mos en particular e á provincia de Pontevedra e Galicia en xeral, o Concello mosense dende a concellería de Medio Ambiente inicia unha campaña de sensibilización, concienciación e fiscalización da limpeza de fincas; obrigatoria para os/as seus propietarios/as.
Por lei os particulares propietarios/as de fincas deben acometer a xestión de biomasa vexetal (desbroce de maleza) a 50 metros dos límites das edificacións próximas e a retirada das especies arbóreas que marca a lei (entre as que se atopan piñeiros, eucaliptos, mimosas, acacias, toxos, fentos, brezo, etc.) nos 30 primeiros metros dende as edificacións próximas.
A administración local lembra aos propietarios e propietarias de todos os predios, montes e solares existentes no municipio que de conformidade co regulado pola lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia, así como do regulado pola Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e o Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, teñen a obriga de mantelos nas mellores condicións de funcionalidade, seguridade, salubridade e limpeza co fin de evitar o risco de lumes.
Para garantir a execución das devanditas labores de conservación, o Concello procederá á súa execución forzosa -en caso de incumprimento por parte dos propietarios- mediante a imposición de multas de entre 1.000 e ata 10.000 euros de conformidade co establecido na normativa de aplicación.
Deste xeito ínstase á colaboración e solidariedade cidadá, -que xa ven sendo demostrada ao longo dos últimos días co grande apoio prestado nas labores de extinción, así como nas posteriores manifestacións de apoio e gratitude-, para que a partir de agora tampouco descoiden a realización de labores de retirada de maleza que poida supoñer un perigo tanto para os bens materiais como para a veciñanza en xeral. Así mesmo, estímase necesario que os camiños estean limpos de vexetación, sendo necesario polo tanto que os/as propietarios/as dos terreos que estean fonte á vía pública procedan á limpeza dos mesmos; así como daquelas fincas que se atopen inmersas nos núcleos urbanos.
Os obxectivos de manter as propiedades libres de maleza son a prevención e defensa contra os incendios forestais en aras de evitar catástrofes coma a acaecida fai poucos días. Así como lograr o máis alto nivel de habitabilidade posible no termo municipal de Mos.
Neste sentido dende o Concello de Mos preténdese evitar que se repitan situacións coma as acontecidas o pasado domingo, cando a localidade mosense sufriu un total de sete lumes localizados en Pantaño (San Gregorio) – Pombal – San Antoíño, parroquia de Louredo; Veigadaña, parroquia de Petelos; Camiño do Carballo Queimado, parroquia de Petelos; Puxeiros, parroquia de Tameiga (un lume iniciado nunha pequena zona de monte desencadeou, ao aproximarse ao polígono industrial, o incendio na nave de ‘Hierros y Metales Mos’); Cristo do Agro, parroquia de Pereiras; Herville, parroquia de Cela, e Torroso.
Estes incendios queimaron un total dunhas 300 hectáreas da localidade mosense. Cifras que poderían ter sido peores de non ser por todas as persoas que loitaron contra os lumes: veciños e veciñas anónimos e 33 efectivos que integraron o grupo de extinción de lumes creado para a ocasión e formado por 6 axentes da Policía Local de Mos, 6 axentes da Garda Civil e 21 efectivos do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos.
Ademais Mos tivo a gran sorte de contar coa colaboración das Asociacións Culturais, Veciñais e Comunidades de Montes, que ofreceron as súas instalacións desinteresadamente e a altas horas da madrugada para o que fose necesario; cos profesionais médicos do Centro de Saúde, preocupados en todo momento das necesidades dos veciños de Mos, dia e noite; cos restaurantes que ofreceron un prato de comida quente aos que estaban ao pé do lume; e coas empresas de transporte e particulares que coa súa propia maquinaria, camións e cisternas achegaron litros e litros de auga ao monte de Louredo.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.