Mos restaurará o cruceiro da Amizade en Torroso e a cuberta da Casa do Concello

Ambos son bens histórico-culturais de titularidade municipal catalogados
Por o 09/11/2017 | Sección: Galicia,Mos
Mos restaurará o cruceiro da Amizade en Torroso e a cuberta da Casa do Concello

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Patrimonio, Camilo Augusto, e a edil de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, informaron hoxe de que o Concello de Mos logrou a achega económica necesaria para actuar no cruceiro do Santo Cristo da Amizade en Torroso e na cuberta da Casa Consistorial mosense. Á administración local mosense lle foi concedida unha axuda de 13.665,24 euros para realizar estes traballos, axuda que foi aceptada en Xunta de Goberno Local da semana pasada, sendo o seguinte paso do trámite a contratación da obra, que ten de prazo de execución ata xuño de 2018.

Así mesmo os representantes municipais detallaron que os traballos que se realizarán mediante ambas actuacións consistirán por unha banda na restauración do Cristo da Amizade e por outra na impermeabilización da cuberta do Concello.

As obras de conservación e restauración do cruceiro do Santo Cristo da Amizade de Torroso teñen o fin de reparar os elementos da estrutura que se atopan deteriorados, recuperación do seu carácter orixinal, soterramento das liñas eléctricas que afean o ben patrimonial e mellora da iluminación do mesmo.

As obras de conservación e restauración da cuberta da Casa Consistorial do Concello de Mos consistirán na limpeza, impermeabilización e restauración da mesma; coa finalidade da reintegración de elementos deteriorados e da recuperación do carácter orixinal do edificio e da mellora da imaxe e unidade do ben.

O cruceiro do Santo Cristo da Amizade está elevado sobre un pedestal de tres chanzos, sobre un cubo granítico coroado por unha basa sen escocias que dá lugar a un elegante varal estriado rematado nun capitol xónico decorado con facianas de anxelotes e unha caveira. Na cimera ten unha imaxe da Virxe Dolorosa e do Crucificado concebidas á maneira popular, con facianas inexpresivas, rixidez anatómica, desproporcións varias, etc.

As melloras das que precisa este cruceiro son restauración do peche perimetral de forxa que o protexe, soterramento do cableado aéreo e instalación dun alumeado público nobre acorde coa entidade do ben, limpeza periódica dos líquens e musgos que deterioran a pedra utilizando medios pouco agresivos coa mesma tales como a limpeza manual con cepillos de cerdas naturais, etc.

Pola súa banda, a Casa do Concello, inaugurada no ano 1943 e cofinanciada polos emigrantes mosenses en América, foi proxectada polo arquitecto galeguista vigués Manuel Gómez Román no ano 1940. De planta rectangular, a tipoloxía do edificio responde á concepción de chalet individual illado de estilo galeguista, tan en boga naquel momento. Este modelo arquitectónico aposta por unha composición asimétrica que amosa unha superposición de volumes que ten ao bloque central como eixo vertebrador, gorecendo a súa cuberta por medio dunha teitume articulada en catro planos ou vertentes. Os paramentos do edificio alternan a pedra cara á vista con porcións de muro enfoscadas e pintadas, resultando un fermoso contraste estético. Destacan tamén os beirís voados das cubertas, que fan ecoar á arquitectura cántabra e vasca, así como ós tornachuvias e peitorís, unha solución xenuinamente autóctona.

A subvención para a realización destes traballos foille concedida ao Concello de Mos pola Deputación de Pontevedra para a realización de obras de conservación e rehabilitación de bens e inmobles histórico-culturais de titularidade municipal.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.