Mos traballa nunha nova mellora da súa Relación de Postos de Traballo

A anterior modificación do documento da RPT aprobouse a finais de 2015
Publicado por o día 02/08/2017 na sección de Galicia,Mos

Mos traballa nunha nova mellora da súa Relación de Postos de Traballo

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Persoal e Réxime interno, Sara Cebreiro, e a tamén edil mosense, Julia Loureiro, reuníronse esta mañá con representantes da empresa que está a traballar na optimización da Relación de Postos de Traballo, RPT.

Dita mellora xa foi iniciada cunha modificación da RPT que se aprobou a finais de 2015 e que agora continúa con esta nova optimización do documento.

As representantes locais informaron hoxe de que “xa se ven traballando dende fai varios meses na RPT, tempo durante o cal a empresa que se encargará da redacción da mesma mantivo reunións con todos os traballadores e traballadoras para sondear as necesidades e opinións respecto dos diferentes departamentos municipais”, explicaron.

Así mesmo Arévalo, Cebreiro e Loureiro avanzaron que, tras o verán, celebrarase unha Mesa de Negociación cos sindicatos sobre esta nova mellora do documento da RPT do Concello de Mos.

Os obxectivos da optimización da Relación de Postos de Traballo da administración local mosense son homoxeneizar os postos coas mesmas funcións nos parámetros relativos a categoría e remuneración salarial.

Coa nova mellora o Concello continúa coa reforma profunda na RPT, iniciada en 2015, e que era necesaria dado que a administración local mosense contaba cunha RPT que fora elaborada pola Universidade e que tiña xa unha antigüidade de 10 anos, vida máxima deste tipo de documentos municipais. Por outra banda, o Convenio Colectivo do Persoal Laboral e o Acordo Regulador dos Funcionarios databan tamén de fai moitos anos e precisaban ser actualizados.

Esta nova optimización do documento da RPT deseñarase para adaptar as normas actuais en materia de persoal municipal á lexislación aprobada máis recentemente, pero sobre todo para prestar un máis óptimo, mellor e máis eficiente servizo ó cidadán.