Mos traballa a pleno rendemento no axardinamento dos seus parques e zonas verdes

A instalación do rego automático xa está rematada e os labores de axardinado están iniciados en todas as zonas incluídas no contrato
Por o 20/03/2017 | Sección: Galicia,Mos,Vigo
Mos traballa a pleno rendemento no axardinamento dos seus parques e zonas verdes
Compartir en:

O servizo municipal de mantemento de zonas verdes e instalación de rego automático, adxudicado a Viveiros Adoa, xa ten rematada a acometida da instalación do rego.

A semana pasada os operarios da empresa concesionaria remataron os traballos de instalación do rego automático no parque de Torroso e no da Porteliña. E xa o acometeron tamén noutros parques coma os de Puxeiros, o de Castro-Mos e o de Sanguiñeda e na zona axardinada do contorno do Centro de Saúde, tamén no cemiterio de Torroso, e no Parque da Lagoa en Cela. O axardinamento das zonas incluídas no contrato xa se atopa tamén iniciado.

A finais do ano pasado Arévalo, rexedora local mosense, xa anunciara que no orzamento municipal aprobado para 2017 incrementábanse certas partidas para mellorar servizos municipais tales coma o mantemento de zonas verdes e parques e xardíns, ao tratarse dunha gran demanda veciñal; e dende o Concello de Mos quíxoselle dar resposta aos veciños.

Deste xeito, priorizouse a instalación de rego automático en todos os espazos verdes. Tal foi a prioridade que se lle deu dende o Concello a estas melloras que, para que puideran ser iniciadas a principios de 2017 e todo se atope en perfectas condicións no mes de marzo, realizouse a tramitación anticipada da contratación das mesmas pero con cargo ó novo orzamento.

A duración do contrato da empresa concesionaria é de dous anos con posibilidade de prórroga ata un máximo de catro anos. O valor estimado do contrato para os catro anos é de preto de 300.000 euros, a razón duns 60.000 euros anuais. E o contrato de obras por instalación do sistema de rego automático ascende a 60.000 euros.

O prego de condicións establece as condicións técnicas esixibles para garantir a conservación dos espazos verdes e arborado, de xeito que os elementos contidos nestes se atopen en todo momento dentro duns parámetros de calidade óptimos para o gozo dos cidadáns.

Tal e como explicou esta mañá a rexedora municipal “o obxectivo deste contrato é que todos os labores de mantemento e reposición sexan aplicados en tempo e forma nas distintas zonas verdes do Concello e, como tal, o resultado ten que traducuirse nun aspecto impecable percibible polos cidadáns en todas e cada unha das zonas: parques, rotondas, isletas, arborado, fontes, etc.; co fin de conseguir que Mos dispoña dunhas zonas verdes sotibles, coa máxima calidade botánica, ornamental e de lecer”.

Os labores de conservación a realizar pola empresa concesionaria inclúen un programa de rego, resembra e sega anual, recorte e poda de arbustos e setos, aireación e escarificado das zonas de céspede, escarda, entrecavado e rastrillado mensual, limpeza e adecentamento, abonado e achegas de substrato, tratamento fitosanitario, perfilado, e labores de reposición de plantacións e de poda de árbores.

As zonas verdes municipais inventariadas e nas que a empresa realizará traballos de mantemento son un total de 103 repartidas nas 10 parroquias mosenses. E as zonas nas que se instalará o rego automático son 9: Parque da Auga en Sanguiñeda, Campo da Feira en Puxeiros, Centro de Saúde, contorno da Piscina de San Eleuterio, Parque da Porteliña, Parque de Castro-Mos, Cemiterio Municipal de Torroso, Parque de Torroso (xunto a ASODIFISI) e Parque da Lagoa en Cela. Mentres que o plan de axardinamento realizarase en 15 zonas: rotonda das Leiteiras, rotonda de Pena de Francia, rotonda de Santiaguiño, isleta da Avenida de Sanguiñeda, rotonda do Cristo de Belén, rotonda do Campo da Feira, Parque da Auga en Sanguiñeda, Parque do Campo da Feira, Centro de Saúde, contorno da Piscina de San Eleuterio, Parque da Porteliña, Parque de Castro-Mos, Cemiterio Municipal de Torroso, Parque de Torroso (xunto a ASODIFISI) e Parque da Lagoa.