Onte pola tarde celebrouse no salón de actos da Axencia de Colocación de Mos unha xornada de recoñecemento ao traballo e o esforzo realizado por colectivos, particulares e empresas durante os días 15 e 16 de outubro nos que os incendios asolaron Mos e á provincia de Pontevedra e Galicia en xeral.
Estiveron presentes neste simbólico encontro de agradecemento Marcos Araújo Pereira, xerente de AXEGA (Axencia Galega de Emerxencias), Luis Menor Pérez, Director Xeral de Emerxencias e Interior, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, e demais membros da Corporación Municipal mosense.
Os protagonistas da xuntanza foron as entidades e particulares colaboradores na extinción dos lumes e na salvagarda da saúde e da integridade física dos e das mosenses. Así, foron obxecto de agradecemento ás empresas colaboradoras (Urbaser, Transportes Rafael Fernández Gestido e Multiservicios Contucho) que coa súa propia maquinaria, camións e cisternas achegaron miles de litros de auga ao monte de Louredo; o persoal médico do Centro de Saúde de Mos en especial o Doutor Justo José González Ballesta (ex xefe de unidade) e a Doutora Nieves Turienzo Río (actual xefa de unidade), que estiveron preocupados en todo momento das necesidades dos veciños de Mos, día e noite; as Comunidades de Montes de Mos e Louredo(encabezadas polos seus presidentes, Manuel Barciela e Alejo Domínguez, respectivamente) volcadas na extinción do lume e na vixiancia do monte durante as terribles 48 horas do 15 e 16 de outubro; a Garda Civil e o Distrito Forestal XVIII; os 9 policías locais de Mos (encabezados polo seu oficial, Gerardo Álvarez); os 19 voluntarios/as da Agrupación de Protección Civil de Mos (encabezados polo seu presidente, Santiago Iglesias) e os 4 traballadores do Servizo Municipal de Emerxencias (encabezados polo seu encargado, Rodrigo Iglesias).
A todos estes protagonistas a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, adicoulles unhas emotivas palabras de gratitude: “A todos/as os/as que arrimastes o ombreiro durante aqueles días de preocupación, incertidume, e desesperación nalgúns intres; asegurarvos que voso traballo foi xeneroso e loable, polo que non podemos deixar de darvos unhas grazas, con maiúscula, que de seguro son extensivas ás familias mosenses ás que defendestes do lume coma se fosen a vosa propia. Como alcaldesa de Mos síntome enormemente orgullosa de contar no noso municipio con agrupuacións e entidades como as das que formades parte, con capacidade de manter a calma ante situacións adversas e de resolver satisfactoriamente situacións de perigo. Sodes o noso orgullo, o orgullo de Mos”.
Reforzo da política medioambiental
Tras os dramáticos incendios dos días 15 e 16 de outubro, o Concello mosense dende a concellería de Medio Ambiente iniciou unha campaña de sensibilización, concienciación e fiscalización da limpeza de fincas; obrigatoria para os/as seus propietarios/as.
Por lei os particulares propietarios/as de fincas deben acometer a xestión de biomasa vexetal (desbroce de maleza) a 50 metros dos límites das edificacións próximas e a retirada das especies arbóreas que marca a lei (entre as que se atopan piñeiros, eucaliptos, mimosas, acacias, toxos, fentos, brezo, etc.) nos 30 primeiros metros dende as edificacións próximas.
A administración local lembra aos propietarios e propietarias de todos os predios, montes e solares existentes no municipio que de conformidade co regulado pola lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia, así como do regulado pola Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e o Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, teñen a obriga de mantelos nas mellores condicións de funcionalidade, seguridade, salubridade e limpeza co fin de evitar o risco de lumes.
Para garantir a execución das devanditas labores de conservación, o Concello procederá á súa execución forzosa -en caso de incumprimento por parte dos propietarios- mediante a imposición de multas de entre 1.000 e ata 10.000 euros de conformidade co establecido na normativa de aplicación.
Deste xeito ínstase á colaboración e solidariedade cidadá, para que a partir de agora tampouco descoiden a realización de labores de retirada de maleza que poida supoñer un perigo tanto para os bens materiais como para a veciñanza en xeral. Así mesmo, estímase necesario que os camiños estean limpos de vexetación, sendo necesario polo tanto que os/as propietarios/as dos terreos que estean fonte á vía pública procedan á limpeza dos mesmos; así como daquelas fincas que se atopen inmersas nos núcleos urbanos.
Os obxectivos de manter as propiedades libres de maleza son a prevención e defensa contra os incendios forestais en aras de evitar catástrofes coma a acaecida fai poucos días. Así como lograr o máis alto nivel de habitabilidade posible no termo municipal de Mos.
Neste sentido dende o Concello de Mos preténdese evitar que se repitan situacións coma as acontecidas o pasado mes, cando a localidade mosense sufriu un total de sete lumes localizados en Pantaño (San Gregorio) – Pombal – San Antoíño, parroquia de Louredo; Veigadaña, parroquia de Petelos; Camiño do Carballo Queimado, parroquia de Petelos; Puxeiros, parroquia de Tameiga (un lume iniciado nunha pequena zona de monte desencadeou, ao aproximarse ao polígono industrial, o incendio na nave de ‘Hierros y Metales Mos’); Cristo do Agro, parroquia de Pereiras; Herville, parroquia de Cela, e Torroso.
Estes incendios queimaron un total dunhas 300 hectáreas da localidade mosense. Cifras que poderían ter sido peores de non ser por todas as persoas que loitaron contra os lumes: veciños e veciñas anónimos e 33 efectivos que integraron o grupo de extinción de lumes creado para a ocasión.
Noticias de última hora en Vigo