Un total de 31 nenos e nenas mosenses de entre 3 e 12 anos participaron na última edición do concurso de postais de Nadal, que xa conta cos gañadores de cada unha das tres categorías. O fallo do xurado fíxose público durante un acto que se celebrou esta mañá na Biblioteca Municipal e no que tamén se levou a cabo a entrega de premios a cargo da concelleira de Cultura e Política Social, Sara Cebreiro. Para elo respectáronse escrupulosamente os protocolos e medidas anti COVID-19 e só asistiron os tres gañadores acompañados dalgún familiar.
O xurado estivo integrado nesta edición, e como xa se ven facendo desde hai catro anos, polos propios rapaces e rapazas participantes no concurso, que foron os que votaron ás súas creacións favoritas de entre as que se presentaron a concurso. O xurado elixiu como vencedor da categoría 1 -de 3 a 5 anos- a Teo Oya Rodríguez, na categoría 2 -de 6 a 8 anos- a Saray Borrajo Pérez; e na categoría 3 -de 9 a 12 anos-, a Candela Reche Barciela. Os gañadores recibiron como premio un vale regalo para produtos de librería e papelería e un diploma. Nas primeira e segunda categorías participaron 9 cativos en cada unha delas, e na terceira a cifra de rapaces participantes foi de 13.
Coa chegada do Nadal chega cada ano a Mos o concurso infantil de postais de Nadal para cativos de 3 a 12 anos de idade. O concurso caracterízase pola calidade e orixinalidade das postais presentadas, así como polos seus valores positivos. A edil de Cultura do Concello de Mos, Sara Cebreiro, declarou sobre o concurso que “desde a administración local queremos aproveitar esta época tan marabillosa do ano, aínda que atípica nesta ocasión por mor da crise sanitaria, para potenciar a creatividade dos nosos escolares e sobre todo fomentar a lectura e a escritura nos nosos cativos mediante o tradicional concurso de postais de Nadal do Concello de Mos”, explicou a concelleira Cebreiro.
As características que debían cumprir as postais dos nenos participantes para poder entrar en concurso eran as seguintes: podían ser en galego ou en castelán, podíaselle engadir ademais de debuxo todo tipo de ilustracións, fotos, etc.; podíanse empregar os materiais que se desexasen: ceras, lapis, bolígrafos, rotuladores, telas, recortes, etc.; o tamaño non debía exceder dun folio tamaño A4 por un só lado, e a medida mínima era de medio folio A4 por un só lado; en relación ao tema, os pequenos podían engadir tamén unha frase na postal, que podía ser un desexo que non fora de carácter material ou expresando que lles gustaría que cambiase no seu contorno cotián, dos amigos/as, familiares, na escola, dos pais, etc.; e, por último, a postal debía ser obra do/a propio/a neno/a, incluíndo ao final, como mínimo, o seu nome, idade, enderezo e teléfono de contacto. Só se aceptou unha postal por persoa.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.