Mosquera asegura en A Coruña que “O espazo público é un dereito dos cidadáns”

O vicepresidente provincial subliñou no Foro de Mobilidade Sustentábel de A Coruña que “é unha obriga dos gobernos locais actuar onde se teñen competencias claras: recuperar as rúas para a cidadanía”
Publicado por o día 04/04/2017 na sección de Deputación de Pontevedra

Mosquera asegura en A Coruña que “O espazo público é un dereito dos cidadáns”

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, participou onte no foro mobilidade sustentábel organizado polo Concello de A Coruña cun relatorio sobre ‘A peonalización no modelo de cidade’. Mosquera subliñou que “o espazo público, as rúas, son un dereito e un mecanismo de cohesión social da mesma orde que a sanidade, a educación ou a cobertura social”, polo que “deixalos á libre concorrencia e á capacidade e fortaleza de cada quen é da mesma gravidade que deixar que teñan acceso á sanidade só os que a poidan pagar”.

Segundo indicou na súa ponencia, a recuperación e tratamento dos espazos públicos é unha competencia única e exclusivamente municipal: “Tratar de actuar onde non tes competencias é un desexo loábel, pero na maioría dos casos, pouco útil. Onde tes competencias claras é unha obriga. E como entendemos que era unha obriga, en Pontevedra actuamos en consecuencia, con decisión, con valentía. Non nos valían as evasivas e actuamos dotados dunha ferramenta fundamental para recuperar o espazo público, o coñecemento: aprendendo das experiencias mundiais e de todas as ferramentas teóricas dispoñíbeis”, subliñou. Neste sentido, o vicepresidente destacou que a Deputación de Pontevedra está a realizar traballos de asesoramento aos concellos da provincia que queiran exportar o  xa coñecido internacionalmente ‘modelo Pontevedra’.

Mosquera subliñou que o proxecto que se puxo en práctica en Pontevedra baseouse fundamentalmente en fomentar a calidade urbana dos espazos públicos. “A nosa filosofía de actuación baseouse en dúas ideas básicas e profundas: unha concepción profundamente ambiental da cidade que permitía a posibilidade de exploración autónoma das crianzas, e uns supostos ideolóxico-político-sociais antagónicos aos dominantes”, explicou o vicepresidente.

Neste sentido, o nacionalista lembrou que durante as últimas décadas “o ‘Homo homini lupus’ de Hobbes, a competencia libre e descarnada, o liberalismo clásico ou neo, asentouse nas cidades, cando menos nos seus espazos públicos urbanos”, e insistiu en que “os intereses dos mais fortes e poderosos convertéronse na práctica en supostos dereitos: estacionar na vía pública, poder circular por todos lados sen restricións… Usáronse e úsanse mecanismos propios da economía máis liberal: cobrar para regular a carestía do estacionamento (ORA), ou cobrar por circular (Singapur, Londres,..). No extremo, chegouse á situación de que “se as cidades non se adaptan as necesidades do tráfico, desfagamos as cidades”.

Fronte a isto, asegurou Mosquera, en Pontevedra “queríamos reverter esa situación, esa ideoloxía e as súas consecuencias: suprimimos a ORA, fixemos a cidade atractiva para vivir, recuperamos os espazos públicos e as rúas, que agora son para as persoas, sen exclusións. Implantamos a Mobilidade de preferencia peonil, revertimos a suburbanización e impedimos os centros comerciais”.

Sobre as resistencias ao modelo, Mosquera lembrou que “foron moi ruidosas pero non maioritarias”. De feito lembrou que o comercio, que inicialmente se considerou detractor das actuacións de recuperación do espazo público, non estivo -na realidade- en contra, xa que pasadas as escasas reticencias de elementos individuais, despois a maioría aplaudiu as actuacións e incluso as solicita nos espazos onde aínda non se actuou. O nacionalista tamén quixo deixar claro que “ideoloxicamente foi a ‘esquerda’ a directora das actuacións, xa que politicamente o PP ata chegou a presentar recurso nos tribunais para tumbar o modelo. Non eran quen de asumir que houbera un modelo propio que tivera éxito”, subliñou.

No Foro de Mobilidade sostible, ademais do vicepresidente Mosquera, tamén participaron o director da Agència d’Ecologia Urbana de Barcelona, Salvador Rueda, que falou sobre ‘A transformación da cidade a través da mobilidade’; a concelleira de Mobilidade de Barcelona, Mercedes Vidal (‘Plan de mobilidade urbana de Barcelona’); o director do Centro de Estudos Ambientais de Vitoria, Juan Carlos Escudero (‘A participación e os pactos cívicos no cambio de modelo’); así como diferentes representantes políticos do Concello de A Coruña.