Mosquera: “Non imos permitir que Príncipe Felipe sexa unha escola de delincuencia”

O vicepresidente, a deputada delegada Eva Vilaverde e o director do centro aseguraron que a “situación de violencia insostible” producida por menores derivados pola Xunta non permite traballar co resto dos rapaces e rapazas.
Por o 04/07/2017 | Sección: Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra
Mosquera: “Non imos permitir que Príncipe Felipe sexa unha escola de delincuencia”

“Non imos permitir que Príncipe Felipe sexa unha escola de delincuencia”. Así de claro o manifestou hoxe o vicepresidente provincial César Mosquera ao referirse á situación “de violencia insostible” que os menores e persoal do centro asistencial depentende da Deputación están a vivir a causa da presencia de rapaces con problemas de conduta e adicións derivados pola Xunta de Galicia. O nacionalista foi tallante ao indicar que o executivo autonómico ten sobre a mesa diferentes posibilidades e subliñou que, se non se chega a unha, romperase o convenio asinado coa Consellería de Política Social “por responsabilidade” tanto cos menores como cos traballadores.

O vicepresidente lembrou que Príncipe Felipe é un centro asistencial aberto de acollida de menores (en réxime nocturno e diurno) que ocupa 118.000 metros cadrados, ten 229 traballadores e dá servicio actualmente a 210 rapaces e rapazas dos que só unha terceira parte (69 a día de hoxe) son derivados pola Xunta de Galicia. “ A maior parte son tramitados polos concellos ou pola propia Deputación, polo que o groso non depende da Xunta. Así pois, non hai discusión sobre o futuro ou viabilidade do centro”, puntualizou.

A tipoloxía dos nenos e nenas que están en Príncipe Felipe son menores con dificultades familiares ou risco de exclusión, sen ningunha problemática específica, que precisan estar alí para ter un día a día nas mellores condicións. Segundo manifestou Mosquera, o problema é que a Xunta ocupa as prazas que dispón polo convenio con rapaces de problemáticas concretas, perigosos e conflitivos, así como ‘protodelincuentes’ detidos pola Policía que agreden, ameazan e amedrentan ao persoal e distorsionan o traballo que os educadores realizan co resto dos menores.

“O máis grave é que uns poucos aterrorizan a 200 con pelexas, ameazando con navallas… A situación é radicalmente insostible”, subliñou Mosquera, quen relatou que ata o de agora varios menores protagonizaron incidentes moi graves: romperon a cara a un traballador, pegáronlle a unha embarazada na barriga -e case perde o fillo-, e provocaron o cambio de centro de traballo a integrantes do plantel. “O bulling nos colexios ao lado disto é un chiste. Na Lama hai menos incidencias que aquí, porque aquí non hai recursos para corrixir esas condutas… nin pode habelos porque non é a vocación do centro. Hai que dar solucións xa”, dixo.

En referencia aos traballadores, Mosquera sinalou que resulta “heroico” traballar nas súas circunstancias e manifestou que “hai que sacarlle o sombreiro porque aguantan unha situación disparatada” que se suma ás “faltas de respecto da Xunta, que de forma continua desoe os seus informes negativos sobre a acollida de determinados menores, ademais de ofrecer cursos de formación por unha presunta falta de preparación”.

O nacionalista explicou que a Deputación advertiu reiteradamente dos problemas a través de actas, informes e comunicacións verbais á Xunta e insistiu en que mantén as portas abertas para buscar unha solución. Apuntou que as propostas que están sobre a mesa pasan por que os informes dos traballadores de Príncipe Felipe sexan vinculantes, e cando establezan que non se debe aceptar un menor, este non pode ser remitido dende a Xunta; ou ben que a Xunta cree unha unidade específica propia para o tratamento destas condutas no recinto.

“Dende logo o que queremos é potenciar Príncipe Felipe, que cumpra as súas funcións e sexa un recurso de protección de menores no que se usen ben os cartos dos cidadáns. Non queremos que estea aí para deteriorar a asistencia, e a situación actual non é tolerable. Que ninguén vexa fantasmas”, puntualizou, para engadir, en referencia ao persoal, que de haber algún tipo de modificación nos servizos que presta a Deputación, os recursos provinciais pasarían a reforzar os servizos sociais dos concellos.

Cláusula de resolución no convenio

Pola súa banda, a deputada delegada do centro, Eva Vilaverde, quixo insistir en que “por responsabilidade non se pode perpetuar a situación actual, porque é daniña tanto para menores ingresados como para o colectivo de traballadores”. Neste sentido, lembrou que dende a chegada do novo goberno á Deputación mantivéronse contactos coa Consellería para demandar unha saída negociada.

Vilaverde indicou que sempre houbo boa vontade pola parte da Deputación para chegar a un acordo, polo que nos dous últimos se demandaron múltiples reunións de seguimento do convenio e comisións de coordinación. Ademais, o pasado ano renovouse o acordo entre ambas institucións cunha cláusula na que se establecía que se nos primeiros meses do ano non melloraban os problemas modificaríase ou resolveríase o convenio. “Non queren cambios no convenio, polo que non é un instrumento válido e debemos traballar noutra dirección. Todas as opcións están enriba da mesa, ao igual que estes dous últimos anos, pero é obvio é que todo non pode seguir igual”, finalizou.

A visión dos traballadores

Pola súa banda, o director de Príncipe Felipe, José Ramón Couto Fariña, insistiu na idea de que os traballadores están a asumir funcións “máis alá do que é esixible” e subliñou a súa confianza no seu labor porque “son os que manteñen os centros minimamente organizados con toda a problemática que hai. Súmome ao recoñecemento do vicepresidente e da deputada pola súa valía”.

Couto destacou que son os propios traballadores os que consideran que a situación actual, á que non se chegou a ela de xeito “gratuíto” nin mediante ningún “plan premeditado”, “é irresoluble” no marco do convenio actual coa Xunta. Explicou que sempre se lle indicou á Consellería que estaba a remitir menores con perfís non axeitados: enviáronse ata 13 informes dende o mes de abril, algúns deles incluso a Fiscalía, incluso con actas de avaliación no que as comisións de Príncipe Felipe solicitaban o cambio de recurso dalgún menor, non baseándose só nos problemas de conduta, senón da súa seguridade para si mesmo e para os demais menores.

“Pensamos nos traballadores e nos nenos, evidentemente, por iso se mandaron os informes a instancias dos propios traballadores, que nos poñían de manifesto que con ese tipo de menores era imposible traballar”, insistiu Couto, quen destacou que a situación agravouse nos tres últimos meses, cando o persoal vía que desatendía ao 95% dos rapaces do centro para atender aos problemas xerados polo 5%.

En concreto, Couto subliñou que a continuidade de determinados menores da Unidade de Primeira Atención (UPA) "de xeito indebido” afondou na sensación dos traballadores de que non podían desempeñar o seu traballo. “Manter os rapaces alí conseguiu que se retroalimentase a situación e se fosen formando grupos. Eses grupos trouxeron un clima irrespirable, algo insoportable, unha situación que non se podía manter por máis tempo”, subliñou.

Esta sensación de inseguridade foi recollida “día si e día tamén” por parte dos traballadores nos informes remitidos á Xunta, polo que, segundo Couto, queda claro que non hai falta de diálogo por parte da Deputación. “O que ocorre é que para dialogar hai que saber sobre que, e en concreto nós sabemos sobre que dialogar. Se a outra parte considera que ese non é o diálogo… De mala maneira poderemos enfrontar á situación”, enfatizou.

Para finalizar, o director do centro fixo unha chamada á sensatez, xa que a Deputación mantén abertas opcións para solucionar o conflito e destacou que por respecto aos traballadores e aos demais menores, “interesámonos para que a sensación de inseguridade e violencia que se viviu nestes últimos tempos, e sobre todo nos últimos quince días, se acabe dunha vez por todas, porque por ese camiño non imos máis que a outras consecuencias bastante máis graves”.