A mostra ‘O alabastro a través do tempo. Colección Jaime Trigo’ toca á súa fin no Museo do Mar de Galicia en Vigo

O recinto museístico prepara unha sala para manter expostas unhas 20 ou 30 pezas da colección ao longo do vindeiro ano, tras o peche da mostra o domingo
Por o 13/07/2017 | Sección: Cultura,Eventos,Galicia,Vigo
A mostra ‘O alabastro a través do tempo. Colección Jaime Trigo’ toca á súa fin no Museo do Mar de Galicia en Vigo

A mostra O alabastro a través do tempo. Colección de Jaime Trigo toca á súa fin o vindeiro domingo tras superar as 11.500 visitas. O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, aproveitou que a exposición está a piques de pechar as portas para percorrela hoxe acompañado polo director do Museo do Mar de Galicia, Vicente Caramés, e o coleccionista e anticuario galego, Jaime Trigo.

O éxito desta mostra, de “carácter único e exclusivo” como sinalou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, con ocasión da súa inauguración, débese non só a súa importante dimensión, senón tamén a que é unha das mellores coleccións do mundo neste eido. Trigo logrou reunir ao longo de máis de 40 anos como coleccionista quince séculos de arte esculpida en alabastro.

Esta mostra monográfica dedicada á colección do anticuario galego Jaime Trigo Menlle chegou a Vigo o pasado mes de marzo tras a súa exhibición no Museo da Catedral de Santiago. Nela, os visitantes poden ver unha escolma de 85 pezas seleccionadas entre as máis de 300 que compoñen a compilación, e a través das que se pode facer un percorrido histórico pola arte do alabastro desde o s. I ata o s. XIX.

A maior parte das pezas que se poden contemplar na mostra corresponden á temática relixiosa, desde a época paleocristiá ata o século XIX; aínda que tamén forman a exposición pezas profanas, desde a época romana ata o romanticismo.

Para a súa exhibición no Museo do Mar de Galicia, a exposición adaptou os seus contidos a esta temática, prestando especial atención aos fluxos comerciais marítimos a través dos que chegaron numerosas pezas de alabastro realizadas antes do século VIII en talleres ingleses.

Tras o peche da mostra actual, o centro museístico galego adecuará unha sala para manter expostas unhas 20 ou 30 pezas da colección ao longo do vindeiro ano, de maneira que poida seguirse gozando de parte da exposición, que logrou concitar unha gran expectación desde o momento no que se inaugurou. Cómpre lembrar que o recinto vai albergar a partires deste outono outra obra única, como é o Pergamiño Vindel, que recolle as sete cantigas de amigo de Martín Códax, e cuxo orixinal se exporá por primeira vez en Galicia.

Noticias de última hora en Vigo