A Mostra do Posible adicou o domingo á educación alternativa, a crise de recursos naturais e os dereitos sociais en Galicia

A mañá do domingo achegou a máis de oitocentas persoas que partillaron experiencias cos diferentes colectivos sociais.
Por o 09/10/2017 | Sección: Cangas,Cultura,Galicia
A Mostra do Posible adicou o domingo á educación alternativa, a crise de recursos  naturais e os dereitos sociais en Galicia

A Mostra do Posible pechou as súas portas ás 20.00 do domingo, despois de que máis de dúas mil persoas se achegasen a coñecer as diferentes propostas. En concreto, foi a mañá do domingo a que máis público trouxo ata a Alameda Nova de Cangas, con case novecentos visitantes que recorreron os diversos postos e participaron nas palestras e obradoiros.

A xornada deu comezo co faladoiro “Outra Escola é Posible”, onde representantes de colectivos como o Projeto Educativo Semente, Nova Escola Galega ou a asociación sociocultural O Bosque de Beni, compartiron coas asistentes as súas experiencias defendendo unha educación “baseada na cultura galega, non só como defensa da língua e do dereito a que as crianzas aprendan nela, senón tamén dende o punto de vista do coñecemento e amor á propia terra”. Os diferentes colectivos amosáronse partidarios dun sistema educativo “máis respetuoso coa propia natureza da infancia” e no que “o xogo tradicional se convirta de novo nun puntal educativo”, algo que – entenden- non está rifado cunha aprendizaxe máis normativa ou estrutural. Do mesmo xeito, as poñentes coincidiron en suliñar que en Galicia todavía ten moita prevalencia o sistema de educación concertada, feito que criticaron con gallo dunha pregunta plantexada dende o público e que sinalaba a existencia dun certo “aletargamento” na actividade transformadora da escola pública.

Tras un obradoiro no que o colectivo As Estrugas compartiu coas visitantes como estas plantas comúns poden servir para multitude de deliciosas receitas, o economista e ex director do INEGA, Xoán Ramón Doldán, membro do colectivo Véspera de Nada, impartiu unha charla sobre a situación actual dos recursos naturais e a súa relación coa crise económica. Doldán foi moi crítico coas dinámicas de sobre explotación intrínsecas ao modelo produtivo actual, do que dixo que “extrae moito máis do que é preciso”, porque a “acumulación e a especulación “tornáronse nas principais realidades económicas”, ata o punto de que “os prezos que pagamos polos bens e servizos xa non sempre responden a factores obxectivos”. Para o economista nado en Ponteceso, as alternativas pasan polo decrecemento, “entendido non como deixar de consumir aquelo que precisamos”, senón facelo dun xeito máis racional e máis sostible. Doldán concluíu a poñencia suliñando a importancia das propostas que se saen da dinámica económica tradicional para construír unha “alternativa real ás ineficiencias e desigualdades que esta xenera”.

Rematadas as actividades da mañá, a hora do almorzo contou coa animación do grupo Liz e as Ánimas Negras.

No tocante á tarde, a primeira actividade estivo centrada no nivel interno dos propios colectivos: un obradoiro impartido por ECOAR Global no que se puxeron en conxunto as diversas experiencias de traballo grupal e se propuxeron métodos para mellorar as experiencias individuais dentro das organizacións.

A derradeira actividade da tarde consiste nunha palestra sobre a situación dos dereitos sociais en Galicia, na que participan once organizacións de todo o país como a PAH, Marea Verde, RSP, MODEPEN, Faraxa ou Nós Mesmas, entre outras.

Rematada a palestra, a Mostra do Posible pechará as súas portas ata a vindeira edición, que se ben aínda non está aínda fixada, a organización pretende repetir o ano próximo, ante a positivísima reacción da cidadanía e os colectivos á proposta.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.