A Mostra do Posible realizarase en Cangas do Morrazo

Será os días 7 e 8 de outubro, o proxecto pretende visibilizar e crear alternativas para construír unha economía máis xusta, centrada nas persoas
Publicado por o día 09/08/2017 na sección de Cangas,Galicia,RSP,Social

A Mostra do Posible realizarase en Cangas do Morrazo

Entre o 7 e o 8 de outubro terá lugar a Mostra do Posible no concello de Cangas, un evento organizado pola Rede de Solidariedade Popular de Vigo que intentará buscar un espazo de encontro entre empresas de economía social para establecer unha forma de vida máis xusta. De feito, o obxectivo que intenta lograr este proxecto consiste en transformar á sociedade, conseguir un mundo solidario e colaborativo; así como amosarlle á cidadanía que existen alternativas reais, sociais e democráticas.

As actividades principais destas xornadas consistirán, basicamente, nos postos que estarán emprazados na Alameda Principal de Cangas e nas mesas redondas, charlas ou obradoiros que terán lugar no Salón de Plenos do Concello para profundar en diferentes temáticas que necesiten reflexións máis profundas. En cada posto instalado na alameda, os colectivos participantes poderán ensinar os seus servizos ou produtos a todo o público asistente. O horario para os dous días será de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.

Todos estes postos e actividades estruturaranse en cinco seccións:
1. Economía, traballo e finanzas.
2. Saúde, alimentación e coidado do entorno.
3. Educación, cultura e medios de comunicación.
4. Urbanismo, abastecemento e refugallos.
5. Dereitos sociais.

A día de hoxe xa hai 14 actividades confirmadas, entre elas un obradoiro sobre acción social e mellora no traballo grupal, unha asemblea de rede de Economía Alternativa e Solidaria e a presentación da Revista Galega de Educación.
O alcalde, Xosé Manuel Pazos, afirmou que se trata dun evento moi positivo, “é algo que hai que potenciar e agradecemos que pensaran en Cangas para realizalo, xa que vai atraer a moitas persoas: tanto a participantes como a visitantes. É unha honra de que escolleran esta vila”. Asegurou que os organizadores contan con total disposición por parte do Concello, xa sexa para apoio loxístico como para apoio técnico”.

Convén resaltar que a participación como expositor ou en calquera actividade é completamente gratuíta. O prazo para confirmar a participación como colectivo organizador remata o 15 de agosto.