A mostra «Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura» inaugúrase no Teatro Afundación Vigo

Organizada polo Consello da Cultura Galega, coa colaboración de Afundación e ABANCA, constrúe un relato da cultura galega a través da selección e da relación de cen obxectos.
Publicado por o día 23/01/2017 na sección de Cultura,Vigo

A mostra «Galicia 100. Obxectos para contar  unha cultura» inaugúrase no Teatro Afundación Vigo

O Teatro Afundación Vigo, na súa Sala de Exposicións, acollerá mañá, 24 de xaneiro, ás 11.30 h, a rolda de prensa de presentación da mostra «Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura», na que estará o comisario, Manuel Gago, e Paloma Vela Garicano, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación. A exposición inaugurarase esa mesma tarde ás 20.00 h nun acto no que estarán Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Manuel Gago, comisario da mostra; e Mercedes Rozas, patroa de Afundación.

A exposición estará aberta ao público ata o 25 de marzo.

A exposición amosa unha selección de cen obxectos, entre os que hai pezas de ámbito cotián, como pode ser un morteiro de améndoas de mediados do século XVII, un bidón de leite, que representa a evolución do sector agrogandeiro, ou un pote de queimada, xunto a outros máis emblemáticos como a bandeira do Consello de Galiza ou a Mariscala, a cadea coa que se sospeita que foi encarcerado o mariscal Pardo de Cela. Un relato da evolución da cultura galega en función da capacidade dos obxectos de explicar aspectos da identidade, o territorio, a sociedade e a cultura galegas e os seus cambios e transformacións.