A mostra integradora da Deputación, “Sorrisos Transformadores”, chega este martes a Vilagarcía de Arousa

A deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, asistirá á conferencia impartida pola presidenta de ARELAS, Cristina Palacios
Publicado por o día 06/02/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

A mostra integradora da Deputación, “Sorrisos Transformadores”, chega este martes a Vilagarcía de Arousa

A deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, asistirá este martes 6 de febreiro, ás 11:00 horas na sala de conferencias do Auditorio Municipal, á charla que impartirá Cristina Palacios, presidenta da Asociación de Familias de Menores Trans* ARELAS, na que afondará sobre a situación do colectivo LGTBI, aportará a súa experiencia persoal e responderá ás dúbidas e cuestións que poidan xurdir.

A conferencia, á que están invitados o alumnado e profesorado dos IES do concello de Vilagarcía de Arousa e o público xeral, está encadrada na inauguración da mostra “Sorrisos Transformadores”, un proxecto fotográfico para a visibilización do colectivo LGTBI posto en marcha pola institución provincial en colaboración con ARELAS. Esta mostra está aberta ao público na Biblioteca Municipal ata o sábado 17 de febreiro e poderase visitar de luns a venres, en horario de 9:00 horas ás 21:00 horas e os sábados de 09.00h a 14.00h.

Sorrisos Transformadores é unha exposición itinerante que vén de percorrer varios concellos da provincia e que consta de 10 imaxes nas que aparecen retratadas a persoas alegres, orgullosas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta. Cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre a protagonista ou sobre a súa contorna. Entre as persoas retratadas inclúense persoas de referencia social, sexan ou non transexuais, pero si relacionadas coa realidade destas persoas  pola súa profesión e que axudan á hora de transmitir a súa mensaxe, como son especialistas da educación, do dereito, da política ou da psicoloxía.

As súas finalidades son as de, por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero e, pola outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero. A este respecto, a campaña compleméntase cunha oferta de charlas informativas destinadas á comunidade escolar.