Un motorista ferido en Aranga despois de colidir un camión contra a moto que conducía

Por o 15/01/2018 | Sección: Sucesos
Un motorista ferido en Aranga despois de colidir un camión contra a moto que conducía

Un choque entre un camión –de transporte de leite- e unha moto deixou esta madrugada,  ao motorista ferido de consideración. O accidente ocorreu sobre as 00:30 horas, ao seu paso pola localidade coruñesa de Aranga, concretamente, na AC-151, en Montesalgueiro.

A esa hora, foi o mesmo camioneiro quen chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que acababa de chocar contra unha moto e o motorista estaba tendido no chán.

Con estes datos, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia informouse decontado ao persoal do 061-Urxencias Sanitarias, que desprazaron unha UVI móbil ao punto indicado. Ademais, requiriuse a colaboración dos axentes de Tráfico e alertouse aos Bombeiros de Betanzos e aos efectivos do GES de Curtis.

Unha vez no lugar, os servizos de emerxencia alí desprazados confirmaron o traslado do motorista ao centro hospitalario de referencia.

Tres feridos ao colidir tres turismos en Vimianzo

En Vimianzo (A Coruña) tres persoas persoas resultaron feridas despois de producirse un accidente entre outros tantos vehículos que circulaban á altura do punto quilométrico 3.500 da AC-432, no lugar e parroquia de Calo.

Nada mais recibir a alerta dun particular, ao fío das 19:00 horas da tarde pasada, o 112 Galicia  puxo os feitos en coñecemento do persoal sanitario, dos Bombeiros de CEE, dos axentes de Tráfico e dos efectivos de Protección Civil da localidade. Así mesmo, requiriuse a intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada,  que se encargou da limpeza da vía.

Os servizos sanitarios do 061-Urxencias Sanitarias confirmaron ao persoal do CIAE que os tres feridos foran trasladados ao centro hospitalario de referencia.

Dúas persoas trasladadas por inhalación de fume tras incendiarse unha cociña en Cee

Dúas persoas resultaron afectadas por inhalación de fume despois de producirse un incendio na cociña dun establecemento de hostalería situado na Rúa Estatuto de Galicia, na localidade coruñesa de Cee.

Ata o lugar nada mais ser alertados polo persoal do 112 Galicia, pasados uns minutos das 18:00 horas deste domingo, desprazáronse ademais do persoal sanitario, os Bombeiros de CEE que, tras extinguir o lume e ventilado o local indicaron que foi –unicamente- unha fritideira o que ardeu. A colaboración dos axentes da Policía Local e dos efectivos de Protección Civil tamén foi requirida polo persoal do CIAE.

As dúas persoas afectadas foron trasladadas polo persoal do 061-Urxencias Sanitarioas ao Hospital Virxe Xunqueira de Cee.