Móvete contra a desigualdade obscena

17 de outubro, Día Internacional de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social
Publicado por o día 16/10/2017 na sección de CC.OO,Sindicatos

Móvete contra a desigualdade obscena

Co gallo do Día Internacional de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (17 de outubro), as persoas, movementos e organizacións que impulsamos Pobreza Cero facemos un chamamento á sociedade para que se mobilice ata lograr medidas concretas e efectivas contra a pobreza e a desigualdade.

O problema e os seus efectos

Nos últimos anos rexistrouse un crecemento económico sen precedentes. Crecemento que foi acompañado tamén por un incremento sen límites do consumo. Isto que pretendeu venderse como unha mostra de progreso supuxo un empeoramento da calidade de vida e un grave retroceso en materia de dereitos humanos.

Proba diso é a desigualdade, tanto entre países como no interior dos países. Esta desigualdade é mostra dunha economía enferma. Hoxe, as oito persoas máis ricas do mundo posúen a mesma riqueza que a metade máis pobre da humanidade. Mentres, a FAO acaba de anunciar que a fame no mundo crece por primeira vez en catorce anos e afecta a 815 millóns de persoas.

O Estado español non é alleo a esta realidade do proceso constante da concentración de renda durante a crise, á vez que se incrementa o número de persoas que viven en risco de pobreza e exclusión social, baixan os salarios e sobe o custo da vida. As cifras son escandalosas e obscenas, como o é a existencia de 12 billóns de dólares en paraísos fiscais de todo o mundo.

O enriquecemento económico desmedido dunhas poucas persoas á conta do empobrecemento de millóns de persoas é intolerable, inmoral, inhumano, indigno, é unha desigualdade obscena.

O desenvolvemento sustentable no planeta está seriamente ameazado porque unha quinta parte da poboación mundial consome e contamina irresponsablemente, coa consecuente sobreexplotación dos recursos naturais. As persoas máis vulnerables dependen da saúde dos seus ecosistemas e hábitats. O 70 % de xente que sofre a pobreza extrema en países en desenvolvemento vive en áreas rurais, e xusto é a máis sensibles aos impactos do modelo de produción extractivo e de alimentos e ao cambio climático. Esta vulnerabilidade é especialmente acusada no caso das mulleres.

Tamén aumentou o drama das migracións forzosas, con 60 millóns de persoas involucradas, das que se calcula que 20 millóns están vinculadas a causas asociadas ao cambio climático, e o resto que fuxiron dos seus países ao sufrir persecución por motivos de raza, xénero ou orientación sexual, relixión, nacionalidade, opinións políticas, fames extremas, guerras, ou por outras razóns sociais, políticas ou económicas.

Atacar as causas para erradicar o problema

A desigualdade é tanto causa como consecuencia do incumprimento dos dereitos humanos. A desigualdade na distribución da riqueza afecta as formas en que as persoas acceden á educación, a sanidade, empregos, seguridade social e outras políticas públicas sociais. Ademais, produce desigualdade no acceso e a distribución do poder, minando así os esforzos por ter democracias reais.

Non nos basta con pensar no crecemento económico como o único criterio válido para medir o progreso. É necesario repensar o modelo de desenvolvemento —desde un enfoque de coherencia de políticas— pois o actual só beneficia un grupo moi reducido de persoas e empresas, perpetuando desequilibrios dramáticos para gran parte da poboación mundial e alcanzando cotas de insostibilidade que ameazan a vida no planeta.

O ciclo de pobreza, depredación de recursos, cambio climático, vulnerabilidade e inestabilidade colócanos nun contexto de urxencia á hora de repensar o noso modelo de sociedade a longo prazo. Aínda que tamén nos obriga a adoptar medidas inmediatas que se materialicen nas prioridades políticas dos gobernos e, en particular, os orzamentos que se destinan a políticas sociais.

Como cidadanía, temos unha serie de propostas realizables para erradicar as causas da pobreza e da desigualdade. Tamén temos propostas que poderían mitigar os seus efectos a curto prazo e camiñar cara á garantía do cumprimento dos dereitos humanos. Trátase de dar respostas políticas baseadas na xustiza social fronte ás ineficiencias do sistema.

#desigualdadobscena
Compromisos para non deixar ninguén atrás

PROTECCIÓN SOCIAL

As políticas públicas de protección e inclusión social son unha das formas máis efectivas para atallar as desigualdades, frear o incremento da pobreza e a exclusión. A nosa proposta consiste en reducir a brecha de investimento social existente con respecto ao resto da Unión Europea, ata alcanzar un mínimo do 30 % do pib, adecuando os plans de estabilidade europea a este criterio.

_Propoñemos:

— Ampliar os investimentos en educación e en medidas eficaces de protección da infancia, para reducir o desfasamento coa media europea.
— Incrementar os investimentos en sanidade e anular o Real decreto 16/2012 para restaurar a sanidade universal.
— Recuperar os orzamentos para as políticas de igualdade de xénero e os plans contra a violencia de xénero.
— Ampliar as medidas de protección do desemprego e a inserción sociolaboral.
— Elevar a renda mínima de inserción, cumprindo a Lei de prestación de ingresos mínimos ou renda mínima garantida.
— Cumprir a Lei de dependencia e pagar as axudas recollidas nela.

COOPERACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO

Os Estados teñen unha responsabilidade de cooperar internacionalmente e dar asistencia para compensar as capacidades, recursos e influencia doutros Estados. Teñen, ademais, o deber de axudar á realización progresiva dos dereitos económicos, sociais e culturais das persoas noutros países que, sexa polas razóns que for, non están en situación de garantila. Este compromiso renovouno a comunidade internacional, incluído o Estado español, co asinamento en 2015 da Axenda 2030.

A cooperación ao desenvolvemento ha ser xenuína, é dicir, debe orientarse á loita contra a pobreza e a desigualdade e á defensa dos bens públicos globais, e ten que estar desligada de intereses comerciais, de seguridade e de control de fronteiras. Desde 2010 o Estado español, tanto no Goberno central como nos gobernos autonómicos, deu marcha atrás neste esforzo de destinar o 0,7 %, situándose nos niveis máis baixos respecto dos países da OCDE e nos seus mínimos históricos.

_Propoñemos:

— Recuperar o orzamento de cooperación para o desenvolvemento en todos os niveis (estatal, autonómico e local) en liña co compromiso co 0,7% da renda nacional bruta, ou o pib no caso autonómico. A recuperación debe poñer o foco na axuda humanitaria, a educación para a cidadanía global, os programas de xénero, o cumprimento da Axenda 2030 e o fortalecemento do papel da sociedade civil. De forma progresiva, a axuda debería alcanzar o 0,4 % da renda en 2020, no ámbito estatal.
— Aumento significativo da axuda humanitaria. Esta debería alcanzar o 10 % da axuda ao desenvolvemento, máis aínda no contexto de emerxencia para atender as catro grandes fames extremas existentes que afectan a 20 millóns de persoas no Corno de África; Sudán do Sur; Sahel e Iemen e a crise de desprazamento global forzoso.
— Medidas para garantir a redistribución

XUSTIZA FISCAL

As políticas fiscais son a principal ferramenta que teñen os Estados para financiarse. Un sistema fiscal progresivo é o medio máis importante a disposición dos gobernos para loitar contra a desigualdade. A fraude fiscal e as prácticas fiscais inxustas erosionan, por tanto, as políticas públicas sociais, ambientais e, en consecuencia, a calidade democrática dun Estado, amais de ter consecuencias na pobreza e a desigualdade. É necesario que as políticas públicas sociais de protección e inclusión se financien a través dun sistema tributario xusto e de medidas redistributivas. A fraude fiscal e a elusión fiscal seguen representando máis do 9 % do pib español. As grandes fortunas e empresas seguen pagando proporcionalmente moitísimo menos do que lles corresponde.

_Propoñemos:

— Aprobar unha lei contra a fraude fiscal que apunte cara á erradicación dos paraísos fiscais e a loita contra a evasión de capitais e contra a corrupción.
— Pór en marcha inmediatamente o imposto sobre as transaccións financeiras.