Un mozo, ferido ao quedar atrapado polas pernas nun motocultor en Paradela

Publicado por o día 25/02/2018 na sección de Sucesos

Un mozo, ferido ao quedar atrapado polas pernas nun motocultor en Paradela

Un mozo resultou ferido esta mañá nunha leira en Paradela ao quedar atrapado polas pernas nun motocultor que manexaba. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o varón tivo que ser excarcerado polos Bombeiros de Sarria.

Os feitos ocorreron no lugar da Carretería, á altura do número 2.

Debido á gravidade das feridas do mozo, o 061-Urxencias Sanitarias mobilizou ata o lugar do accidente ao helicóptero medicalizado con base en Ourense.

Un particular contactaba co 112 Galicia ás 11:20 horas para dar conta do ocorrido. Decontado, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasábase o aviso ao persoal sanitario, aos Bombeiros de Sarria e á Garda Civil.

Finalmente, o mozo foi trasladado na aeronave a un centro hospitalario.

Arde un coche na Cañiza

Un incendio declarado nun coche na A-52 provocou que o tráfico quedase cortado no túnel de Folgoso, sentido Benavente. O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido ás 11:55 horas, a través da alerta dun particular. Indicaba no seu relato que había varios turismos parados dentro do túnel da Cañiza, con pouca visibilidade polo fume.

Acto seguido, o persoal do CIAE puxo os feitos en coñecemento do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) e Bombeiros de Ponteareas, da Garda Civil de Tráfico e dos Bombeiros de Vigo.

Unha vez no lugar do incendio, os efectivos do GES e os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Ponteareas comprobaron que o condutor do turismo xa sufocara o lume cun extintor. Finalmente, o coche foi retirado da autovía por un guindastre.