Mozos con discapacidade de Vigo entran nun programa de formación de emprego xuvenil que imparte COGAMI

Financiado pola Fundación ONCE e o Fondo Social Europeo, esta iniciativa de emprego pretende cualificar a mozos en situación de desemprego co fin de que teñan algunha oportunidade laboral.
Publicado por o día 26/04/2018 na sección de Formación,Galicia,Vigo

Mozos con discapacidade de Vigo entran nun programa de formación de emprego xuvenil que imparte COGAMI

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) imparte nas instalacións que ten en Mos (Avenida do Rebullón, Puxeiros) un programa formativo de carretilleiro con coñecementos de mozo de almacén, orientado á inserción laboral de mozos con discapacidade de Vigo e concellos limítrofes.

Financiado pola Fundación ONCE e o Fondos Social Europeo, dentro da convocatoria de axudas económicas para o reforzo da empregabilidade de mozos con discapacidade Un a un – ano 2018, Programa Operativo de Emprego Xuvenil (POEJ), o curso está integrado por 5 mozos con discapacidade, con idades comprendidas entre os 17 e os 27 anos, inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (SNGJ), en situación de desemprego e sen experiencia laboral.

Esta formación está centrada nunha ocupación que conta con demanda na zona de Vigo como é o manexo dunha carretilla e tamén a organización dun almacén, polo que se irán incorporando ao alumnado todas as competencias necesarias para desenvolver o posto axeitadamente.

Ao ser un grupo cun número reducido de cinco alumnos, as clases permiten que sexan tutorizadas, cunha atención máis personalizada do profesor cara ao alumno, de aí que sexa denominado este programa Un a un.

Esta formación desenvolverase no centro de recursos de COGAMI en Mos ata o 10 de xullo e constará de 116 horas teóricas, impartidas en horario de 9 a 14 horas, e 100 horas de prácticas laborais en empresa.