“Mulleres en acción. Violencia zero” chega este martes a Lalín coa performance de Rita Rodríguez

A deputada provincial Digna Rivas asistirá ás 12 horas, na praza da Igrexa, á acción da artista galega para a concienciación da loita contra as violencias machistas
Por o 26/02/2018 | Sección: Deputación de Pontevedra
“Mulleres en acción. Violencia zero” chega este martes a Lalín coa performance de Rita Rodríguez
Compartir en:

A deputada provincial, Digna Rivas, acompañada polo alcalde de Lalín, Rafael Cuiña, asistirá este martes 27 de febreiro ás 12 horas, na praza da Igrexa, á sétima intervención artística do programa “Mulleres en acción. Violencia zero”, da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

Nesta ocasión, a protagonista da acción será a artista galega Rita Rodríguez, que presentará a súa performance Pompas, unha obra que afonda na problemática das violencias contra as mulleres. Rodríguez desenvolveu a súa traxectoria ao redor da escultura e da  performance e a súa obra formou parte de exposicións individuais, colectivas e tamén de feiras coma “Preview Berlin”. Foi artista residente e investigadora en numerosos centros. Ademais, presentou accións artísticas en escenarios destacados coma a sede da Real Academia Danesa das Artes, en Copenhague; Maus Hábitos, no Porto; ou Brakke Grond, en Ámsterdam.

“Mulleres en acción. Violencia zero” reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta terceira edición comezou en novembro de 2017 e novamente terá lugar este ano en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Mos, A Lama, Forcarei, As Neves, Lalín, Cambados, Ponteareas, Barro, A Cañiza, Valga, Silleda, Catoira, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Bueu, Moaña, O Porriño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Mondariz e O Rosal).