Mulleres de CCOO: fomos, somos e seremos sindicalistas e feministas

Publicado por o día 27/01/2020 na sección de CC.OO,Sindicatos

Mulleres de CCOO: fomos, somos e seremos sindicalistas e feministas

A DOBRE AXENDA sindical e feminista, que caracterizou o traballo das secretarías de Mulleres desde a súa creación en 1978, resultou fundamental para sensibilizar e traballar polos dereitos das mulleres, tanto dentro como fóra do sindicato.

O TRABALLO das secretarías de Mulleres é integrar no corazón mesmo do traballo sindical as prioridades para defender os dereitos das mulleres, o dereito á igualdade, para combater as discriminacións e violencias que lles afectan e para avanzar social e sindicalmente mediante políticas e estratexias feministas, igualitarias, e mediante a acción colectiva e coordinada, tendendo pontes e construíndo alianzas cos feminismos.

En CCOO trabállase pola redistribución da riqueza e o debate de ideas sobre piares como a xustiza social con xustiza de xénero, na orde económica; a visibilidade, a xenealoxía e o recoñecemento na orde cultural; a presenza paritaria, no eido político. O de CCOO é un feminismo que conecta os intereses de clase e xénero. Ten sido así desde as orixes das secretarías de Mulleres.

Moitas das responsables das secretarías de Mulleres comparten esta con outras responsabilidades, sen que iso supoña menoscabo ou subordinación da loita pola igualdade entre mulleres e homes e contra a discriminación e a violencia que afecta ás mulleres, asunto central e transversal, ademais, a toda a organización. En CCOO sensibilizamos, formamos, detectamos discriminacións e combatémolas sindicalmente. Construímos alianzas e tendemos pontes con outros movementos feministas, sociais, humanitarios, de cooperación internacional e en defensa dos dereitos humanos.

As secretarías de Mulleres traballan infatigablemente. Impulsan a transversalidade de xénero en todos os ámbitos da política e a acción sindical, promoven e desenvolven accións positivas nas relacións laborais e nas condicións de traballo, e removen os obstáculos para avanzar nunha representación paritaria de homes e mulleres en todos os niveles e en todos os órganos de dirección do sindicato. Contribúen a lograr a igualdade laboral con propostas específicas para abordar desde escenarios imprescindibles como a negociación colectiva e o diálogo social, tanto no acceso como nas condicións laborais (promoción, salarios, formación, saúde laboral, prestacións…); tamén para erradicar calquera tipo de discriminación, acoso sexual ou acoso por razón de sexo e violencias machistas.

Á vez, elaboran informes de diagnóstico sobre a situación laboral das mulleres, sobre brecha salarial, sobre violencias machistas, etc. Contribúen á concienciación sobre estes temas con campañas específicas. Informan co seu traballo en comunicación e redes sociais. Forman a estrutura sindical con cursos específicos. E facilitan o traballo pola igualdade entre mulleres e homes das delegadas e delegados sindicais con guías sobre plans e medidas de igualdade, acoso sexual e por razón de sexo, conciliación e corresponsabilidade, comunicación e linguaxe non sexista, dereitos das mulleres vítimas de violencia de xénero, etc.

Ademais, participan en plataformas feministas, como as que elaboran informes sombra dirixidos a vixiar a aplicación gobernamental dos compromisos adquiridos mediante instrumentos internacionais como Beijing+25, o Convenio de Istambul ou as Recomendacións a España da CEDAW.

A discriminación baseada no sexo, así como a construción social que fai que o sexo-xénero determine a posición subalterna das mulleres, forma parte do diagnóstico de CCOO. As secretarías de Mulleres levan estes 42 anos de traxectoria traballando, e ségueno facendo, por derribar estereotipos e roles sexistas, combatendo a división sexual do traballo, as desigualdades estruturais e as que se acentúan nas distintas conxunturas económicas.

As secretarías de Mulleres recoñecen a pluralidade do movemento feminista, e as súas reivindicacións insírense na tradición feminista das loitas que unen o sexo-xénero con clase social, engadindo a interseccionalidade, contribuíndo á causa emancipatoria das mulleres. O seu traballo, pegado á realidade cotiá dos problemas e violencias que afectan ás mulleres, céntrase en combater estas desigualdades, discriminacións e violencias. Un labor diario nos centros de traballo e na sociedade, no que se plasman os principios e valores desta organización.

#CCOOVisibiliza #8MSempre #EnClaveVioleta

Comentar noticia

Your email address will not be published.