Multan ó Concello de Ponteareas con 84.000 euros por contaminar o Tea

Publicado por o día 11/01/2018 na sección de BNG,Galicia,Medio Ambiente,Política,Ponteareas

Multan ó Concello de Ponteareas con 84.000 euros por contaminar o Tea

O BNG de Ponteareas a través do seu portavoz Municipal, Xosé Represas, deu a coñecer as sancións impostas ao Concello de Ponteareas por contaminar o río Tea. Unha das sancións, impostas pola Confederación Hidrográfica foi por verter, directamente ao río Tea na zona de San Roque, augas fecais sen depurar. Outra das sancións correspóndese cunha vertedura perigosa da depuradora na Moscadeira. O perigo desta vertedura, comprobada pola Confederación Hidrográfica durante unha semana, está relacionado coa presenza de amonio nunha proporción que triplica o mínimo permitido.

A sanción pola vertedura sen depurar en San Roque, no Tea xunto a desembocadura do Regato da Venda, suma 17.721,60 euros. A multa pola vertedura da Moscadeira suma un total de 66.624,43 euros entre a sanción polos danos ocasionados no dominio público das augas do Tea e a multa pola vertedura contaminante con amonio. Ponteareas tivo que pagar un total de 84.346 euros por estas dúas sancións.

Os nacionalistas lembran a relación directa destas sancións co suspenso da Consellería de Sanidade como é o caso de San Roque e as zonas onde está prohibido o baño pola contaminación das augas dende hai anos; A Moscadeira e A Ponte das Partidas.

Estes expedientes foron destapados polo BNG ao comprobar os pagos, á Confederación Hidrográfica, ordenados polo Alcalde no pasado mes de abril. “O decreto de pago destas sancións, firmado polo alcalde, é o recoñecemento do atentado ecolóxico contra o río Tea, permitido polo PP e Solla por verter augas fecais sen depurar” afirmou o portavoz do BNG, Xosé Represas, engadindo que estas son só unha parte dos expedientes sancionadores abertos pola Confederación Hidrográfica contra o Concello de Ponteareas.

Ponteareas tamén pagou 230.000 euros por verteduras da depuradora nos últimos 4 anos

Os nacionalistas indicaron que o Concello tamén paga un canon por verteduras da depuradora que nos últimos catro anos sumou 230.000 euros.

“A contaminación do Tea é unha das maiores vergoñas do PP, despois de décadas de gobernos con José Castro, Nava Castro e Salvador G. Solla. A metade da poboación e 20 parroquias de Ponteareas carecen deste servizo básico, tirando co diñeiro en pagar multas por contaminar en lugar de realizar obras de saneamento e unha nova depuradora con capacidade para todo o concello” manifestou Represas.