O Multiusos das Pozas acolleu unha convivencia entre usuarios de Teleasistencia de Mos, O Porriño e Salceda

O obxectivo é o intercambio de experiencias e a prevención do illamento entre os maiores participantes
Publicado por o día 24/05/2017 na sección de Galicia,Mos,Vigo

O Multiusos das Pozas acolleu unha convivencia entre usuarios de Teleasistencia de Mos, O Porriño e Salceda

O auditorio do centro Multiusos de Mos, sito nas Pozas, parroquia de Petelos, acolleu esta tarde a xa clásica Xornada de Convivencia dos Usuarios do Servizo de Teleasistencia da Deputación de Pontevedra.

Ó encontro asistiron a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e a deputada Digna Rivas. A actividade consistiu nunha actuación do Mago Noel con espectáculo de maxia, animación e circo seguido dunha merenda amenizada con música e globoflexia.

Na xornada estiveron presentes 25 usuarios de Teleasistencia dos concellos de Mos, O Porriño e Salceda de Caselas. 2 dos usuarios eran procedentes do concello de Salceda e os 23 restantes repartíronse case a partes iguais entre os municipios de Mos e O Porriño.

Dende o programa de Teleasistencia estanse levando a cabo unha serie de liñas de actuación cos beneficiarios e familiares do programa, atendendo ás distintas comarcas, entre elas xornadas de convivencia coma a que hoxe se celebrou en Mos.

O 2017 é o cuarto ano que se veñen realizando estas actividades. “Esta iniciativa pioneira púxose en marcha en xuño de 2014 e, dende entón, estase a realizar en distintos puntos da provincia ofrecéndolles aos usuarios a posibilidade de pasar unha tarde de lecer, con actividades diversas e merenda, co obxectivo de que poidan contactar con outras persoas, intercambiar experiencias, e romper a rutina o illamento e a soidade”, segundo informou a rexedora de Mos, Nidia Arévalo.

O Servizo de Teleasistencia presta apoio a unhas 500 persoas soas de concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra.

Neste sentido explicaba Arévalo que “cando a soidade se suma aos problemas de saúde e á idade avanzada, resulta moitas veces difícil permanecer no fogar sentíndose seguro. O servizo de Teleasistencia facilita esta permanencia, ao garantirlle ás persoas de idade avanzada ou con problemas de saúde que viven soas unha atención continuada e a seguridade de que, ante calquera eventualidade, recibirán os coidados que precisan”.

Así mesmo a alcaldesa informou tamén de que “trátase na maior parte dos casos de persoas de idade avanzada que viven soas ou que pasan a maior parte do día en soidade, polo que dispoñer dun sistema que lles permite pedir axuda a calquera hora do día os 365 días do ano, con só pulsar un botón, lles dá seguridade e tranquilidade. Todos eles saben que sempre terán alguén a quen acudir ante calquera emerxencia, pero non só iso, senón tamén cando se sintan sós e precisen alguén con quen falar”.

De feito, a loita contra a soidade é un elemento central deste programa, que non só inclúe o desprazamento de recursos (061, bombeiros…) cando o usuario sofre algún accidente ou enfermidade, senón tamén visitas periódicas para paliar os sentimentos de ansiedade ou illamento e unha actividade pioneira –iniciada en 2014- orientada a enriquecer a vida social das persoas atendidas mediante xornadas de convivencia como a de hoxe.