‘Murais da nosa lingua’ visibiliza e pon en valor o patrimonio literario da Estrada

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitaron hoxe o primeiro dos murais feito por Ocionautas no exterior da Casa das Letras
Publicado por o día 16/12/2020 na sección de Galicia,Xunta de Galicia

‘Murais da nosa lingua’ visibiliza e pon en valor o patrimonio literario da Estrada

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitaron hoxe pola tarde na Estrada os traballos de elaboración do proxecto Murais da nosa lingua, promovido pola asociación Ocionautas para visibilizar e poñer en valor, nomeadamente entre a mocidade, o patrimonio literario desta vila a través de graffitis inspirados nos estradenses que deixaron a súa pegada nas letras galegas.

“Murais da nosa lingua quere renderlle tributo e concederlle espazos propios de visibilización aos estradenses máis universais da literatura escrita na nosa lingua”, destacou o secretario xeral, quen felicitou a Ocionautas pola iniciativa.

Pola súa parte, a directora xeral sinalou “a importancia de adaptar un dos rexistros propios da mocidade, como son os graffitis, para este fin” e de “conxugar creatividade, modernidade e tradición para homenaxear clásicos estradenses do sistema literario galego e facer partícipes os mozos e mozas da súa contribución á cultura do país”.

Acompañáronos na visita o tenente de alcalde, Juan Constenla; e a responsable de Ocionautas, Annie Sánchez.

Lingua ilustrada en graffiti urbano

O proxecto Murais da nosa lingua, promovido e desenvolto pola asociación Ocionautas inclúe unha serie de graffitis urbanos de gran dimensión en edificios emprazados no casco urbano estradense.

O primeiro deles está dedicado aos irmáns Marcial e Avelina Valladares e ao dramaturgo Manuel Varela Buxán e loce xa no muro exterior da Casa das Letras. O seguinte terá como anfitrioa a Virxinia Pereira, esposa de Alfonso D. R. Castelao, e o terceiro, en homenaxe a Manuel García Barros, ocupará un dos laterais do Teatro Principal.

A iniciativa amosa e consolida a localidade pontevedresa como unha das vilas literarias galegas máis comprometidas coa promoción do idioma e da cultura de Galicia, sumando esta acción de promoción da lingua ilustrada en graffiti urbano aos recoñecidos certames literarios que distinguen obras e creadores no ámbito das letras (Premio de Novela Manuel García Barros, Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela, Premio de Poesía Avelina Valladares ou Premio de Teatro Varela Buxán).

Comentar noticia

Your email address will not be published.