O muro en A Rúa no concello de Mos, solucionará os desprendementos de terra

Os traballos comezaron a semana pasada e son dunha magnitude asombrosa.
Por o 31/03/2017 | Sección: Galicia,Mos,Vigo
O muro en A Rúa no concello de Mos, solucionará os desprendementos de terra
Compartir en:

A semana pasada comezaron as obras de construción dun muro de contención en A Rúa e onte pola tarde a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Vías e Obras, Luis Alonso supervisaron estes traballos que suporán unha notable mellora do Camiño de Santiago Portugués ao seu paso pola parroquia de Mos, coa acometida deste muro. “A envergadura desta obra é asombrosa e resulta impactante contemplar a magnitude do talud ao descuberto”, declararon os representantes municipais Arévalo e Alonso.

Así mesmo a rexedora local explicou que “no Concello de Mos nunca esquecemos que somos un municipio do Camiño e, sabedores de que ser paso do Camiño de Santiago é o noso principal activo cultural e turístico, poñemos o máximo empeño en coidar, mellorar e implementar dito activo”.

As obras que se están acometer neste tramo do Camiño de Santiago ao seu paso pola parroquia de Mos consisten na construcción dun muro na Rúa, no contorno do Pazo de Mos, para conter o talud que se derrubara a consecuencia dos temporais do pasado inverno. Nidia Arévalo destaca a importancia destes traballos, pois solucionarán a situación de incomodidade que lles supoñen aos veciños da zona os frecuentes desprendementos, que se solucionarán con este novo muro de contención.

O novo muro de pedra para a contención de talud en A Rúa pretende evitar os continuos derrubamentos do talud existente pero integrando a nova estrutura no entorno de valor patrimonial no que se atopa. E é que o Camiño de A Rúa sufría desprendementos periódicos de terra no importante talud da súa marxe esquerda.

Para mellorar a seguridade desta vía tan transitada por vehículos e turistas (sobre todo peregrinos en ruta que están a facer o Camiño de Santiago Portugués), era necesario plantexar esta estrutura de contención que evite os desprendementos.

Tendo en conta todo isto proxectouse este muro –que xa se está a acometer- de 4 metros de altura (inferior á altura do talud), co fin de non supoñer un obstáculo visual importante en un vial estreito e con valor histórico. Ademais de ser dunha altura máis reducida, o muro irá retranqueado 5 metros dende o eixo da rúa. A coronación do muro ata a cabeza do talud existente remátase cun talud vexetal tendido perseguindo dous obxectivos: estabilizar o talud e evitar o seu desprendemento periódico, e minimizar o impacto visual e mellorar a integración paisaxística. O muro terá unha lonxitude de 137 metros e un ancho de cimentación de 3 metros.

A tipoloxía de muro escollida é de gravedade de bloques de pedra do país, os máis acordes co contorno. Ademais da acometida do muro, este proxecto inclúe varias actuacións complementarias tales coma a execución dunha cuneta de formigón a pé de muro para mellorar as condicións actuales de drenaxe, a plantación de 13 árbores (buxos ou loureiros) na banda verde que queda entre o muro e o pavimento actual, integrando o muro nun contorno máis humanizado; e a colocación de 3 bancos de madeira demandados polos usuarios do contorno.

O total destas obras ten un orzamento de 118.846,41 euros financiados pola Deputación de Pontevedra.

Fotografías da Obra