O Museo do Mar de Galicia fai un percorrido histórico pola arte do alabastro

Exhibe unha mostra monográfica dedicada á colección do anticuario galego Jaime Trigo Menlle que chega a Vigo tras a súa exhibición no Museo da Catedral de Santiago
Publicado por o día 13/03/2017 na sección de Cultura,Vigo,Xunta de Galicia

O Museo do Mar de Galicia fai un percorrido histórico pola arte do alabastro

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou no acto de inauguración da Mostra ‘O alabastro a través do tempo. Colección Jaime Trigo’, que se poderá visitar desde mañá no Museo do Mar de Galicia, dentro do horario habitual deste centro.

O titular do departamento de Cultura da Xunta destacou na súa intervención que esta mostra é froito da paixón dun home, en alusión a Jaime Trigo, que ao longo de máis de 40 anos como coleccionista conseguiu reunir quince séculos de arte esculpida en alabastro.

Román Rodríguez subliñou o “carácter único” e “exclusivo” que fai desta colección unha das mellores do mundo, e que destaca tamén pola súa importante dimensión, xa que as 300 pezas que conforman a colección superan as 60 do Museo do Alabastro italiano, e as 80 do Victoria and Albert Museum de Londres.

O conselleiro referiuse tamén á importancia de traer a mostra ao Museo do Mar de Galicia, en Vigo, xa que entre os séculos XIV e XVI esta cidade foi a vía de entrada do alabastro a Galicia, procedente de Nottinghan, Londres e Nova York, por vía marítima. Lembrou ademais, que este recinto museístico vai albergar a partires deste outono outra obra única, como é o Pergamiño Vindel, que recolle as sete cantigas de amigo de Martín Códax, e cuxo orixinal se exporá por primeira vez en Galicia.

Percorrido pola arte en alabastro

Esta mostra monográfica dedicada á colección do anticuario galego Jaime Trigo Menlle chega a Vigo tras a súa exhibición no Museo da Catedral de Santiago. Nela, os visitantes van poder ver unha escolma de 85 pezas seleccionadas entre as máis de 300 que compoñen a compilación de Trigo, e a través das que se pode facer un percorrido histórico pola arte do alabastro dende o s. I ata o s. XIX.

A meirande parte das pezas que se poderán contemplar na mostra corresponden á temática relixiosa, desde a época paleocristiá ata o século XIX; aínda que tamén forman a exposición pezas profanas, desde a época romana ata o romanticismo.

Para a súa exhibición no Museo do Mar de Galicia, a mostra adapta os seus contidos a esta temática, prestando especial atención aos fluxos comerciais marítimos a través dos que chegaron numerosas pezas de alabastro realizadas antes do século VIII en talleres ingleses.

‘O alabastro a través do tempo. Colección Jaime Trigo’ poderá visitarse a partir de mañá, de martes a domingo en horario de 10 a 14 horas e de 17 a 19 horas.

No acto que tivo lugar esta tarde no Museo do Mar de Galicia tamén participaron o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o director do museo, Vicente Caramés, entre outras autoridades.