O museo de Pontevedra acometerá accións de colaboración con institucions e colectivos de toda Galiza no seu 90 aniversario

O deputado de Cultura e Lingua anuncia para o ano 2018 a constitución formal do comité asesor e unha convocatoria de colaboración específica para disciplinas artísticas
Publicado por o día 27/12/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

O museo de Pontevedra acometerá accións de colaboración con institucions e colectivos de toda Galiza no seu 90 aniversario

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, será o encargado de ler este venres durante o Pleno da Corporación provincial unha Declaración Institucional con motivo do 90 aniversario da fundación do Museo de Pontevedra. O texto, que pretende involucrar ao conxunto da sociedade galega na vida do Museo, foi presentado a todos os grupos provinciais para que fixeran as súas aportacións e agárdase aprobalo por unanimidade.

No documento explícanse as orixes da entidade, tales como que a constitución oficial do Museo está recollida na acta da sesión plenaria do 30 de decembro de 1927 que di textualmente “créase un museo provincial de Arqueoloxía, aproveitando o labor realizado pola Sociedad Arqueológica de Pontevedra e polo cronista de Pontevedra, Don Casto Sampedro, destinándose para esta finalidade 12.500 pesetas”. Ademais, apúntase que o regulamento de dito Museo non sería aprobado ata a sesión plenaria do 14 de xaneiro de 1929, e a primeira acto do Padroado data do 30 de xaneiro de 1929.

Comité técnico

Tal e como anunciaran o deputado de Cultura e Lingua e o director do Museo a comezos deste ano 2017, nos vindeiros meses está previsto que se materialice a creación do comité asesor do Museo de Pontevedra, configurado por persoas con perfil técnico. “Nun ano no que o Museo cumpre 90 anos é de recibo avanzar na creación dun modelo que permita sentar as bases para o seu desenvolvemento futuro”, destacou Leal.

A través da fórmula do comité asesor o que se pretende é abordar cuestións estratéxicas e a medio-longo prazo que afectan ao futuro do Museo, entre as que se contan cuestións tan cruciais como a remodelación e apertura dos edificios que permanecen pechados, a reestruturación de espazos expositivos, o posible cambio de nome do Sexto Edificio ou o dunha comunicación encamiñada a públicos específicos. Xosé Leal lembra que no mandato iniciado no ano 2015 se abriu unha nova etapa no Museo “na que priorizamos o traballo do equipo técnico e o que

intentamos coa creación deste comité é precisamente salvagardar os criterios dos profesionais que forman o equipo desta institución”.

Ao respecto da creación deste comité está previsto que ao longo do vindeiro mes de xaneiro se contacte coas institucións e colectivos que formarán parte do mesmo, de cara a presentalo xa formalmente no mes de febreiro. “O plan de traballo para o exercicio 2018 porá enriba da mesa os alicerces estratéxicos do Museo que queremos ofrecerlle á sociedade os vindeiros 20 anos” indica o deputado nacionalista.

Convocatoria para disciplinas artísticas

Con motivo do 90 aniversario da fundación do Museo, a Deputación tamén está traballando na creación dunha liña de colaboración entre o Museo e os centros e institucións formativas relacionadas con diferentes disciplinas artísticas nun sentido amplo. Para isto, está a ultimar unha convocatoria pública para fomentar propostas de creación e investigación por parte do alumnado de disciplinas relacionadas coa arte, a comunicación e o deseño – tales como a Facultade de Belas Artes, a Facultade de Publicidade e Relacións Públicas, a Facultade de Comunicación Audiovisual, o Mestrado en Educación, o Mestrado Universitario en Deseño e Dirección Creativa e Moda, a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, e a Escola Superior de Arte Dramática-. Precisamente para sacar adiante esta convocatoria, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, acompañado polo director do Museo, Carlos Valle, e polas responsables do gabinete didáctico, Paula Tilve e Lourdes Parada, mantiveron a comezos de novembro unha xuntanza con responsables da Universidade de Vigo e das escolas citadas para tratar de adecuar a convocatoria atendendo ás necesidades e posibilidades de cada unha destas disciplinas.

A idea final é a de conectar o Museo como institución histórica coas linguaxes e formas de expresión e representación contemporáneas, e amosar un Museo histórico como é o de Pontevedra desde unha perspectiva anovada, buscando miradas novidosas e orixinais. Ademais, esta colaboración permitirá ampliar a oferta de oportunidades ao alumnado de realizar proxectos prácticos no marco da formación regrada, contribuír a que os centros e institucións de formación superior poidan ampliar a súa oferta curricular, construír novas percepcións do Museo que complementen as xa existentes, e crear novas formas de diálogo entre a institución e a sociedade.