O Museo de Pontevedra edita a primeira biografía sobre María Vinyals

O volume, que se presentou esta tarde no Sexto Edificio, forma parte do traballo de investigación que levaron a cabo as comisarias da mostra “De María Vinyals a María Lluria”.
Publicado por o día 03/11/2017 na sección de Cultura,Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

O Museo de Pontevedra edita a primeira biografía sobre María Vinyals

A primeira biografía sobre a escritora e precursora do feminismo María Vinyals foi presentada esta tarde no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra nun acto encabezado pola presidenta de Deputación, Carmela Silva, e no que tamén participaron as comisarias Ángela Comesaña e Aurora Marco, o director do Museo, Carlos Valle, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal. Este volume recolle o traballo de investigación das dúas comisarias da mostra que leva por título “De María Vinyals a María Lluria. Escritora, feminista e activista social” que pode visitarse no Sexto ata o 12 de novembro.

Ángela Comesaña e Aurora Marco fan un percorrido pola vida da aristócrata pontevedresa, desde o seu nacemento o 14 de agosto de 1875 no castelo de Soutomaior ata os últimos días dos que se ten noticia da súa existencia, que as autoras sitúan en 1942. Dedican ademais un epígrafe á súa obra tanto literaria como xornalística e un apartado exclusivamente á súa acción como precursora do feminismo. Así, baixo o epígrafe ‘Voz, teoría e acción do feminismo precursor’ analizan a evolución que a vida e a obra de María Vinyals foi experimentando en relación ao que denominan “os avances do incipiente movemento feminista a comezos do século XX”. A primeira achega sitúana na creación dun centro para a educación e formación laboral feminina que a aristócrata puxo en marcha en 1905 en Madrid. Esta escola, destinada a mulleres con escasas posibilidades económicas, foi impulsado a través da Sección feminina de señoras da Unión Ibero-Americana que estaba presidida pola propia María Vinyals e á que pertencían tres galegas máis de gran relevancia social: a escritora coruñesa Emilia Pardo Bazán, a pedagoga e escritora coruñesa Mercedes Tella Comas, e a escritora e pedagoga compostelá Concepción Sáiz Otero. A importancia deste centro queda recollida neste apartado a través de fragmentos de entrevistas á propia María Vinyals pero tamén en entrevistas a dúas mulleres representativas do movemento feminista da época como eran ‘Colombine’ –Carmen de Burgos Seguí–  e ‘Beatriz Galindo’ – Isabel Oyarzábal–.

As comisarias e investigadoras tamén sitúan o seu activismo feminista no que denominan “unha segunda fronte: as conferencias e os discursos”, e ilustran esta faceta con extractos de diversas intervencións públicas datadas entre os anos 1905 e 1929. O apartado remata co traballo da aristócrata en prensa escrita no que reivindicaba o dereito a voto das mulleres. “Ela foi feminista e sufraxista, cando estes dous lemas supuñan unha grande dose de heroísmo naquel período inicial de reivindicacións de comezos do século XX” aseguran as autoras do libro. Finalmente, o volume inclúe dous anexos. Un dedicado a analizar a imaxe de María Vinyals nos retratos de José Garnelo e José Sorolla a cargo da conservadora do Museo de Pontevedra, Mª Ángeles Tilve, e outro cunha selección de correspondencia.