O Museo de Pontevedra xa supera a cifra das 100.000 persoas visitantes

As Ruínas de San Domingos xa contabilizan más de 60.000 visitas.
Publicado por o día 29/08/2017 na sección de Cultura,Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

O Museo de Pontevedra xa supera a cifra das 100.000 persoas visitantes

A piques de rematar agosto, os edificios visitables do Museo de Pontevedra xa superaron a cifra das 100.000 persoas visitantes, unha cifra que no ano pasado se acadara no mes de novembro. Un dos factores que contribuíron a este incremento foi a apertura das Ruínas de San Domingos desde o mes de abril, tras o habitual peche nos meses de inverno, e a programación de actividades complementarias nos meses de abril e maio, tales como obradoiros do gabinete didáctico, presentacións de libros e documentais, ou actividades especiais con motivo do Mes dos Museos ou do Día das Artes Galegas.

Por meses e nos edificios Sarmiento e Sexto, os que máis visitas contabilizaron foron o mes de marzo, con 6.797 persoas, e maio con 6.447. No mes de marzo destacan as visitas á mostra “Soños” do fotógrafo pontevedrés Miguel Vidal, que ocupaba dúas das salas de exposicións temporais do Sexto Edificio. De feito, a mostra deste aut0r dedicada á fotografía contemporánea, que tivo lugar entre o 16 de febreiro e o 16 de abril, foi a que máis visitas contabilizou polo momento , chegando ás 9.438 persoas. En número de visitantes, séguelle a mostra antolóxica de Luis Caruncho que chegou aos 7.861, mentres que “Iso segue o seu curso”, a mostra resultante do Máster de Creación Contemporánea promovido pola facultade de Belas Artes, contabilizou 3.177 visitas. A mostra en curso, “Pontevedra Suite” do artista Manuel Moldes, que foi inaugurada o pasado 27 de xullo, xa leva até o momento 6.048 visitas. No que levamos de ano, esta foi a exposición que convocou a un maior número de persoas no día da súa inauguración, contabilizándose un total de 404 asistentes no acto oficial de apertura. En canto ás Ruínas de San Domingos, desde que foron aberta ao público o 4 de abril, levan contabilizadas un total de 63.840 visitas.

Pola súa banda, as actividades complementarias á actividade expositiva e as colaboracións con outras entidades tamén contribuíron a incrementar o número de persoas que visitaron o Sexto Edificio. Foi o caso de presentacións de libros ou de documentais, como “Paraíso Roubado” que esgotou as butacas do Salón de Actos en dúas xornadas, o desfile benéfico de Asociación Amencer con máis de 200 persoas, as actividades organizadas expresamente con motivo do Día dos Museos ou a Noite dos Museos cun espectáculo a cargo de alumnado da ESAD con preto de 300 persoas, ou as Visitas Cruzadas que esgotaron prazas de participación durante todos os domingos do mes de maio –60 persoas en cada xornada–.