Música, novo circo e cinema esta semana na programación Volvemos á rúa de Tui

Esta semana prosegue a programación cultural “Volvemos á rúa” con novas propostas de música, novo circo e cinema

A música será a primeira das propostas desta semana co pasarrúas que o mércores, dende ás 21 h, ofrecerá a charanga tudense A Tu Ritmo. Amais na fin de semana, a partir das 21 h, continúan os pasarrúas o sábado co grupo folclórico Inquedanzas da Asociación Cultural Aloia de Pazos de Reis e o domingo co grupo folclórico San Fins de Rebordáns.

O xoves, ás 21 h chega ao Paseo da Corredoira un espectáculo de novo circo dirixido a público familiar dende os 2 anos. Sempre Arriba con Marta Iglesias convida nesta obra, “C’est pas possible”, a saír da rutina e gozar con aquilo que nos gusta. A capacidade está limitada a 100 espectadores.

O venres será novamente a quenda do cinema ao aire libre coa proxección de “Peter Rabbit”. Será ás 22.15 h no Paseo Fluvial con capacidade para 300 persoas.

Para estes espectáculo do xoves e do venres dende este mediodía está xa activa a reserva de entradas en enterticket.es. Pódese realizar a reserva até o día do espectáculo ou até esgotar as prazas dispoñibles.

Cómpre lembrar que nestes espectáculos desenvolvese un protocolo de seguridade ante a situación de pandemia pola COVID19. Deste xeito o aforo está limitado, realízase unha distribución de cadeiras gardando a distancia de seguridade. Os espectadores non poderán mover a cadeira nin cambiar de cadeira unha vez accedan ao recinto, e deberán levar en todo momento a máscara e permanecer sentados. Nos accesos deberanse desinfectar as mans con xel hidroalcohólico, e seguirase o percorrido indicado.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario