O musical galego de Sherk chega este sábado ao auditorio de Cangas

Publicado por o día 08/02/2018 na sección de Cangas,Galicia

O musical galego de Sherk chega este sábado ao auditorio de Cangas

A Asociación Coda Teatro Musical representará este sábado ás 18:00 horas no Auditorio municipal o musical galego de Shrek, un espectáculo en directo de dúas horas de duración dirixido, especialmente, ás familias. “O humor que se emprega e as características audiovisuais conseguen que sexa unha función destinada ao público en xeral, infantil e adulto”, explica o actor Dani Comesaña, encargado de dar vida á personaxe “canalla” de Shrek.

Neste evento congregarase un elenco de máis de 50 persoas (cantantes, músicos, bailaríns, etc) que actuarán en directo. De feito, o directo é unha das características principais, o que provoca unha “infraestrutura máis complexa, pero cun resultado moito máis humano”, en palabras da directora musical Olalla Bouzas. “Coidamos todos os detalles, o vestiario está especialmente deseñado para cada personaxe, hai moitas horas de maquillaxe, o atrezzo é moi vistoso…”.

O principal argumento que se quere trasladar está relacionado co ser interior e exterior das persoas, coas persoas diferentes: “No momento no que vivimos é moi importante destacar que non pasa nada por ser diferente. Hai que resaltar que iso é un don, fainos especiais”. De feito, no espectáculo hai un coro composto por 30 personaxes de contos de fadas, 30 inadaptados sociais que queren poñer fin ás historias de sempre nas que predominan os tradicionais relatos de princesas que teñen que ser salvadas.

A citada compañía é a única de Galicia que posúe en exclusividade o permiso de adaptación ao galego da película de DreamWorks. Chus Ferreira, directora de produción, explica que con esta representación inténtase chegar a “todos os recunchos da comarca cun elemento característico noso: a retranca galega”. Convén resaltar que AC Coda xa logrou o éxito absoluto en Cangas co espectáculo Rei León durante dous anos consecutivos.

O alcalde, Xosé Manuel Pazos Varela, e a tenente de alcalde, Mercedes Giráldez Santos, convidan á veciñanza para que asista a este evento: “Vai ser espectacular, agradecémoslle que escolleran a nosa vila para facer esta representación”.