A Área de Normalización Lingüística está á procura da creatividade literaria que agroma coa primavera. Os Premios de poesía, relato curto e tradución literaria, que se convocan ao abeiro do convenio coa Consellería de Cultura e Turismo, repartirán un total de 3600 euros entre os mellores traballos presentados pola comunidade universitaria.
A convocatoria está aberta a todos os membros da Universidade de Vigo, porén, non poderá intervir na modalidade de tradución literaria o profesorado que imparta docencia nos graos de Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, Linguas Estranxeiras e Tradución e Interpretación. Os orixinais deberán estar escritos en lingua galega de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega (NOMIG, 2003).
En cada unha das tres modalidades outorgarase un premio de 700 € e dous accésits de 250 euros e os traballos gañadores serán publicados nun volume que editará a Universidade de Vigo. O prazo de admisión de propostas rematará o vindeiro 3 de abril e os premios entregaranse no acto institucional de celebración do Día das Letras Galegas.
Características dos traballos
Nas modalidades de poesía e de relato curto os traballos que se presenten deben ser orixinais non publicados nin premiados en ningún outro certame e o tema será libre. No que se refire á extensión, as poesías terán un mínimo de 100 versos e un máximo de 150, mentres que os relatos terán un mínimo de oito folios e un máximo de 12. Na modalidade de tradución literaria, o texto fonte será un texto literario en calquera idioma, cun mínimo de oito páxinas e un máximo de 20. En todos os casos, os textos serán presentados por quintuplicado, mecanografados a dobre espazo, en DIN-A4, con letra Times New Roman e corpo 12 nun sobre aberto identificado dun lema, alcume ou pseudónimo. No seu interior, xunto cos traballos incluirase outro sobre aberto identificado co devandito lema, alcume ou pseudónimo elixido polo autor/a, que conterá unha copia do xustificante de rexistro de entrada (onde necesariamente se inclúan nome, apelidos, DNI, teléfono de contacto e enderezo electrónico da persoa interesada).
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.