Nace a Biblioteca Nós

Publicado por o día 09/12/2020 na sección de Cultura

Nace a Biblioteca Nós

A Editorial Galaxia publica a colección Biblioteca Nós, en homenaxe aos artífices da revista Nós, celebrando o centenario da saída do prelo do seu primeiro número.

Esta é unha escolma dunha decena de obras de autores como Vicente Risco, Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas, Antón Losada Diéguez, Antón Vilar Ponte ou Castelao.

Títulos como Teoría do nacionalismo galegoun dos textos políticos máis influentes e relevantes da Galicia do século XX, e Leria, de Vicente Risco, pertencen a esta colección, ao igual que a biografía que escribiu Carlos Casares, Vicente Risco, sobre a figura do senlleiro director da revista Nós. Casares, aporta unha interesante visión desde o seu coñecemento no trato durante os seus anos de estudante de bacharelato, presentando un Risco na súa dimensión máis humana.

Leria é unha colección de ensaios e colaboracións para a prensa vencellados á súa xeración.

A colección Biblioteca Nós conta con tres reedicións de Ramón Otero Pedrayo: Polos vieiros da saudade, obra na que relata a súa viaxe a América e o reencontro co seu amigo Castelao, Entre a vendima e a castañeira, libro de contos onde predomina a narración de sucesos relacionados co mundo do sobrenatural, e O Señorito da Reboraina, considerada unha das obras mestras da cultura galega.

Catalogada por Xoaquín Lorenzo como a semente da xeración Nós,  O esquecido mentor de Nós. Escolma de textos, 1900-1929, céntrase na figura de Antón Losada Diéguez. Ofrécese unha rigurosa selección de 51 escritos do intelectual, da man do historiador Justo Beramendi.

Co pensamento na patria, de Antón Vilar Ponte é, tamén, unha escolma de artigos que nos achegan a unha das figuras máis senlleiras do xornalismo galego.

A antoloxía poética Antífona da cantiga, de Ramón Cabanillas, é unha das obras que forman parte desta colección que rende homenaxe á xeración. A través dela, en 1941, Cabanillas inaugurou o camiño de Editorial Galaxia.

Diario 1921, de Castelao, é outra das obras enxalzan a colección. Personalísima, un mozo Castelao comparte nestas páxinas a súa visión do mundo, a paixón polas viaxes e o seu descubrimento de Europa. Un libro único que ofrece a mirada dun tempo pasado, con ollos de galego, ao que poderemos conectar para sempre.