Nace en Vigo a ONG “Hoy por ti” para axudar a persoas e familias desfavorecidas da cidade

O éxito desta iniciativa pioneira en España fai que agora se incorporen ao proxecto servizos que non cobre a Seguridade Social de óptica e podoloxía
Publicado por o día 04/06/2018 na sección de Galicia,Hoy por ti,Social,Vigo

Nace en Vigo a ONG “Hoy por ti” para axudar a persoas e familias desfavorecidas da cidade

A ONG ‘Hoy por ti, Rede de Servizos Solidarios’ nace en Vigo co fin de garantir unha serie de servizos que o seu presidente, o actor galego Antonio Durán ‘Morris’, considera “importantes para a vida e que non están incluídos na carteira de servizos da Seguridade Social”.

O obxectivo do proxecto é permitir que persoas e familias que non poden facer fronte a algunhas necesidades esenciais teñan acceso gratuíto a servizos cun formato que lles permita a súa total integración e dignificación. “É unha fórmula nova en España coa que tratamos de eliminar o estigma que crea nestas persoas o acudir a locais considerados para ‘pobres’. Desta maneira senten o que son: un paciente ou un cliente máis”, asegura Ventura Pérez Mariño, socio fundador da ONG ‘Hoy por ti’.

‘Hoy por Ti’ ponse á fronte das redes existentes, que xa formaban parte da ONG ‘Ás 5’, debido á decisión desta última de desvincularse e despois de dous meses de inactividade. Ademais, ao servizo de restauración súmase agora o Plan Familia, academias de inglés e recuperación, barberías de cabaleiro e señora e establecementos cuxos servizos non están cubertos pola Seguridade Social como ópticas e clínicas de podoloxía. Nun futuro próximo prevese poñer en marcha o Plan Mocidade, centrado na idea de ‘deporte e lecer para todos’.

“Servizos Sociais do Concello de Vigo e as entidades sociais Aldeas Infantís, Emaús, Cáritas e Arela son os organismos desde os que se deriva aos usuarios destas redes que, pola súa concepción, permiten unha maior participación da sociedade civil xa que, os establecementos, non achegan ningunha contía económica senón que fan a súa achega en especie e no lugar onde desenvolven a súa actividade”, explica Nora Segarra, vicepresidenta de ‘Hoy por ti’.

Para Morris, “os efectos da crise son aínda palpables e, aínda que é unha cuestión que debe resolver a administración pública, os cidadáns e cidadás podemos facer moitas cousas para axudar aos prexudicados. Mañá podemos ser calquera de nós”.

O obxectivo da ONG é expandirse e implicar a máis establecementos e negocios, empezando polos barrios de Teis e Rivera Atienza.

Hoy por ti’

A ONG sen ánimo de lucro ‘Hoxe por ti’ nace en Vigo da man dun grupo de homes e mulleres fincados en Vigo que caeron na conta do elevado número de novos pobres na cidade e pensaron que a acción cidadá solidaria era necesaria.

Conta cunha ampla rede de restaurantes, bares e taperías colaboradores: Cosmos, Lume de Carozo, Hotel Princesa, Papos, Fai Bistes, Mesón Compostela, Tagliatella, Mochi, La Comidilla, Estrella Galicia, Cafetería El Corte Inglés, La Mina e El Castro. Ademais, xa están en funcionamento as ópticas e o Plan Familia, redes ás que se irán agregando nos próximos días o resto dos establecementos.

Una respuesta para "Nace en Vigo a ONG “Hoy por ti” para axudar a persoas e familias desfavorecidas da cidade"

  1. Gamela   07/06/2018 at 6:35

    Todo que se faga para axudar ben feito está…!!!

    Pero a estratexia de INVISIBILIZAR a pobreza e a exclusión social non a vai facer desaparecer, en calquera caso tecerá unha nova rede clientelar para lavar as conciencias (malas) dalgúns que non son quén de recibir siquera a un POBRE que acampa diante do Concello hai máis dun ano…!!!

    Seica agora imos ter ONGs que BUSCAN POBRES ???