Nace o Grupo Común da Esquerda para dar continuidade no Parlamento ao proxecto político de unidade popular

Manuel Lago continúa como voceiro parlamentario, Luca Chao asume a relación cos medios e a comunicación exterior, Antón Sánchez o control ao goberno e Carmen Santos seguirá sendo vicevoceira
Publicado por o día 03/09/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

Nace o Grupo Común da Esquerda para dar continuidade no Parlamento ao proxecto político de unidade popular

Esta mañá presentouse no Parlamento o novo nome e estrutura organizativa do Grupo Común da Esquerda, o grupo parlamentario que dará continuidade á tradición da unidade popular, que ata agora se denominaba Grupo Parlamentario En Marea. Manuel Lago explicou que “a existencia dun partido político que ten o mesmo nome obrigou a mudar o nome do noso grupo” para facilitar a transmisión das iniciativas e o traballo político á sociedade.

Porén, Lago insistiu que  “non é un cambio de proxecto, é un proxecto que vén de lonxe e vai para lonxe”, e lembrou que bebe “do acordo en AGE, continuou co enorme éxito das mareas municipalistas de 2015e acadou o seu máximo cando a cidadanía colocou a En Marea como primeiro partido da oposición no campo da esquerda”. Para o voceiro institucional do Grupo Común da Esquerda  “o noso grupo é o lexítimo herdeiro desa experiencia política, segue sendo o proxecto político de unidade popular en defensa dos intereses da cidadanía do noso país e dos intereses de Galicia como nación.”

Como proxecto político plural de unidade, a representación diante da Cámara do grupo pero tamén  da sociedade contará cunha portavocía coral, con catro voces que representan os diferentes espectros políticos que conviven no grupo parlamentario. Manuel Lago será o voceiro parlamentario, Luca Chao asumirá as funcións de comunicación, tanto o que ten a ver coa relación cos medios coma de comunicación externa cos diferentes colectivos sociais, Antón Sánchez fará en cada pleno a pregunta ao presidente e asumirá en xeral a función de control ao goberno e Carmen Santos manterá a vicevoceiría parlamentaria.

Axenda política

Na rolda de prensa, Luca Chao avanzou os eixos prioritarios de actuación do Grupo Común da Esquerda “para afrontar un ano decisivo con todo o compromiso e responsablidade coas persoas que nos votaron, neste que ten que ser o último ano de Feijóo na Xunta”.

“O noso obxectivo fundamental será servir de altofalante dos problemas reais, esa Galicia real que dista moito da imaxe de trunfo que pretende vender o PP”, comezou Chao, que engadiu que “o primeiro problema pasa por falar de precariedade e desemprego, as dúas caras da mesma moeda, as consecuencias das reformas laborais, anecesidade de xerar emprego de calidade, estable fronte aos contratos de meses, semanas e mesmo días incluso no sector público,  tendo moi presente máis das 140 mil persoas desempregadas e tamén sumnado as miles de mozos e mozas que tiveron que marchar deste país por falta de oortunidades laborais.”

O Grupo Común da Esquerda vai seguir traballando poñendo voz a todos os conflitos laborais que temos no país, moitos deles derivados desindustrialización, como as ameazas sobre Alcoa, Isowat, Poligal ou R.

“Tamén queremos falar tamén dun problema fundamental que é a vivenda”, sinalou Luca Chao, “un dereito fundamental que neste país non está garantindo, cos prezos dos alugueiros que non paran de subir convertindo os centros das cidades en centros para especulación e para o turismo”. Precisamente este tema centrará a pregunta ao presidente do grupo no vindeiro pleno, como adiantou Manuel Lago na rolda de prensa posterior á Xunta de Voceiros.

“Outro dos nosos temas clave será o feminismo, defendendo politicas transversais de igualdade que afecten a todos os eidos da sociedade, entendendo as escolas como espazos de transformacións social”, engadiu antes de lembrar a necesidade “de poñer sobre a mesa a necesidade de politicas honestas e valentes de combate contra as violencias machistas”.

O Grupo Común da Esquerda seguirá denunciando dentro e fóra da institución a privatizacion dos servizos públicos. “Esa foi  e será unha das nosas bandeiras, pois levamos tempo denunciando como o PP fai negocio co que é de todos e así o seguiremos facendo”, concluíu Luca Chao.

Acompañando aos dous voceiros estivo o grupo parlamentario, incluído Xan Xove, o deputado polo provincia da Coruña que substituirá a Flora Miranda a partir do vindeiro pleno.