Nace os Luns ao son

Publicado por o día 15/12/2014 na sección de Asamblea Movimientos Sociales,Social

Nace os Luns ao son

Hoxe é un día moi importante para a nosa cidade porque temos decidido autoconvocarnos baixo o nome dos luns ao son, onde pretendemos a través dunhas caceroladas cada quince días meter ruido para esixirlle ó alcalde da nosa cidade que faga unha revisión crítica de cómo funcionan as políticas de benestar social, que están a ocultar a unha importante poboación de cidadáns de Vigo que non cubren as súas necesidades básicas. O facemos dende esta praza, antes do Rei, agora nosa, a Praza dos Dereitos Sociais. Pretendemos visibilizar a dramática, cruel e inhumana política de benestar deste concello. Desexamos motivar aos cidadáns a que a partires de hoxe cada quince días se acheguen con tarteiras, bidóns, tixolas, cacerolas… para batelas con enerxía e dicir BASTA a estas políticas erradas nesta cidade que non é tan fermosa para amplios sectores de veciños.

Recordamos que o propio servizo de benestar social pediu ao alcalde que ampliase o número de traballadoras do departamento, posteriormente tiveron que elevar esta petición ao valedor do pobo, tras sufrir o silencio e a falta de resposta. A falta de persoal está causando estragos psicolóxicos tanto a traballadores como a afectados, que non obteñen a atención necesaria e urxente que merecen e que marca a lei.

Ao tempo queremos denunciar a política de invisibilidade da pobreza que se está a levar a cabo na cidade de Vigo por parte de este concello, que está máis preocupado dos bancos, os ascensores ou de fletar barcos na rotonda que de buscar solución para as familias que non poden subsistir.

Hoxe podemos asistir a esta concentración en día laboral porque desgraciadamente, a falta de traballo castiga un enorme número de cidadáns; así que nesta ocasión, en vez de os luns ao sol, meteremos ruído para convertilos en luns ao son, para chamar a atención sobre as graves necesidades que a política municipal está a ignorar.

Queremos poner de exemplo un caso dunha xoven nai de 21 anos; que ten un bebé de poucos meses. Conviven coa avoa e outra irmán de 14 anos, sendo 4 persoas as que forman a unidade familiar. Estas 4 personas viven de aluguer, pagando 250 euros mensuais: agora mesmo non teñen ningún ingreso e a RISGA tardará máis de medio ano en tramitarse, poñéndoos en risco de desafiuzamento. O noso alcalde asegura en televisión que en Vigo estas situacións non se dan.

Si as institucións públicas fixeran xustiza social, que non a fan, si fosen humanitarias, que non o son… Si foran compasivas, que non o son… Si fixeran xustiza real, que non a fan… Dende o primeiro día coidarían, protexerían a esta nova nai nun contexto de xustiza verdadeira. Esta xoven nai debería ter sido atendida nun soio acto administrativo de urxencia, no que tras o diagnóstico social, as distintas administracións lle aportarían en 3 días os recursos económicos necesarios para cubrir as súas necesidades básicas.

Os orzamentos da Xunta, Concello, as normas, as leis actuais, a escasez de persoal técnico multidisciplinar, perpetúan a pobreza, que se vai facendo crónica e hereditaria nas clases sociais máis empobrecidas económicamente. Este é unha situación máis do presente e o futuro das miles de persoas, que sobreviven en condicións infrahumanas, xa que non hai nin vai haber a curto plazo postos de traballo ou prestacións sociais que garantan a xustiza social, impedindo que os pobres máis pobres da nosa sociedade deambulen de institución en institución, de ONG en ONG, na procura de pan, que sempre chega tarde e lles é insuficiente.

Cada ciudadano sen recursos tería que recibir un salario ou orzamento económico que se aproximase ó SMI (salario mínimo interprofesional): a percepción da RISGA debería ser individual, xa que cada membro da unidade familiar debería ter garantidas as súas necesidades básicas.

Voltaremos o día 22 de decembro con outra concentración, para mostrar o noso apoio ao persoal en canto á súa demanda dun reforzo necesario e urxente.

PRENSA ASAMBLEA MOVEMENTOS SOCIAIS