Nace unha nova axenda cultural da cidade de Pontevedra

A web axenda.pontevedra.gal, un espazo que recolle a oferta tanto municipal como doutras institucións públicas e privadas.
Publicado por o día 30/03/2017 na sección de Cultura,Galicia,Pontevedra,Vigo

Nace unha nova axenda cultural da cidade de Pontevedra

A vida cultural, festeira e de ocio da cidade ten desde xa un novo referente virtual: a web axenda.pontevedra.gal, un espazo que recolle a oferta tanto municipal como doutras institucións públicas e privadas.

O novo espazo virtual estrutúrase, sobre todo, en catro partes: un primeiro menú resumen coa información inicial: categorías, un formulario para engadir eventos, a carteleira comercial de cinema e o espazo “Buscapistas”, con links de interese cultural. Tamén dispón dun acceso directo á programación do Pazo, o Principal e o Recinto feiral, a través da web do Pazo da Cultura.

Un segundo menú destaca as categorías: exposicións, escena, nenos, programación municipal, música, etc. A seguir, unha serie de “slides” mostran uns cantos espectáculos ou eventos destacados que podan interesar ao usuario, normalmente de ciclos municipais ou convocatorias de primeira magnitude como a Semana de Filosofía ou o Salón do Libro, por citar dous exemplos. Tamén hai links á axenda deportiva municipal, a visit-pontevedra, a turismo Rías Baixas ou á oferta de cursos que poda existir en cada momento.

As seccións “Hoxe e en diante” e “E tamén…” xa son unha carteleira propiamente dita onde se expoñen os eventos en dúas columnas, diferenciando os que se desenvolven en longos períodos (por exemplo, ciclos ou exposicións) dos que teñen lugar un día concreto. En cada evento da axenda figuran unha referencia descriptiva, fotografías, ubicación, etc., así como un link no caso de que exista un enderezo para ampliar información.

A finalidade é que os veciños e veciñas dispoñan dun lugar único no que consultar a programación e os recursos culturais que ten a cidade, xa que no apartado “Buscapistas” o usuario ten diante súa unha morea links ás entidades, empresas ou espazos de interés cultural.

En breve engadirase unha conexión coa páxina “Centros Sociais”, actualmente en construción, que permitirá circular polos máis de 30 centros sociais e culturais de base, e obter referencias actualizadas de todas as súas actividades, ubicacións, asociacións, etc.

Toda persoa que desexe mostrar o seu evento, pode facelo desde a propia web, e os programadores que fixeran chegar calquera evento á revista Zoom Pontevedra, xa o poden considerar engadido na nova web de axenda, xa que este medio de comunicación é o encargado de realizar o mantemento da información. Poden así mesmo utilizar o correo electrónico [email protected]