A nai desafiuzada que durmiu dúas semanas nunha estación de bus

Publicado por o día 13/03/2016 na sección de Social

A nai desafiuzada que durmiu dúas semanas nunha estación de bus

O seu caso non é o único. Unha familia de once membros vive baixo a ameaza de desafiuzamento. A PAH Vigo Tui anuncia a posta en marcha dunha canle (TVPAH) para denunciar estes casos.

Poñamos que se chama María. Por medo, por vergoña, polo seu fillo de oito anos, pide que non se revele a súa identidade. María é unha das miles de historias que non se explican nas estatísticas, que mesmo as cuestionan. Os titulares dos últimos días anuncian unha caída dos desafiuzamentos en Galicia. Pero María non aparece nos datos, non forma parte dos 1.507 lanzamentos por falta de pagamento do aluguer que rexistraron os xulgados galegos o pasado ano.

“Todo empezou fai oito meses cando perdín ao meu marido nunhas circunstancias tristes. Quedamos nunha situación dramática. Non podiamos pagar o aluguer e tivemos que irnos do piso. Estabamos sen recursos, e así seguimos tras oito meses, nun punto morto”, relata María. Deixou a vivenda, como moitas, en silencio, evitando un lanzamento forzoso.

“Fun aos servizos sociais, empecei a moverme. E se fose por eles seguiría así”. Solicitou unha pensión de viuvez e orfandade. Foi denegada. “Alegan que non tiña cotizados 15 anos, pero teño papeis que din que coticei 18 anos, 4 meses e un día”. Aínda espera que o recurso se solucione.

Críticas aos servizos sociais

A María atopárona integrantes da PAH durmindo na estación de autobuses de Vigo. “Pasei dúas semanas alí, mentres o neno estaba na casa duns familiares”, lembra. “As asistentas sociais pecháronme as portas. Negáronme todas as axudas, todo trabas. A súa única intención era quitarme o meu fillo, non buscar solucións”.

Ante a emerxencia, dous activistas ofreceron a súa vivenda para acollelos. “Se non fóra por eles, o meu fillo non estaría aquí agora. E se non é por eles, tampouco se estarían axilizando as cousas. Hai un menor sufrindo as consecuencias de perder un pai, sufrindo as consecuencias de ver sufrir a unha nai, e que non ten por que vivir nunha sociedade como a que vivimos. É tan inxusto”, explica entre bágoas de dor e impotencia.

“Ti sabes o que é que un neno dígache: non Loli, non me compres iogures, que custan moito diñeiro?”, conta con rabia a activista que os aloxa na súa casa.

Hoxe, oito meses despois, e grazas ás xestións da plataforma, María comeza a ver una a luz ao final do túnel. “Pero ata que non o vexa, non o creo. Unha xa non sabe que esperar despois de pasar tantas cousas. É lamentable chegar a un punto onde crean que todo se resolve cunha bolsa de comida”.

Unha familia de once membros ao bordo de desafiuzamento

A historia de María, é moi similar á que está a pasar unha familia de xitanos en Vigo. Así o conta Telmo da PAH Vigo Tui, que acompañou xunto con outros membros da plataforma a María. Denuncia que “a comunidade xitana é a gran esquecida dos desafiuzamentos, da crise económica”. Pon un exemplo concreto: unha familia integrada por once persoas, a quen lle faleza un fillo de cinco anos e teñen a outro en camiño que “están nunha casa que eles hai 10 anos rehabilitaron e hoxe construíron un fogar”. A casa estaba abandonada, chea de silvas, pero “agora o Banco Popular ponlles unha demanda por delito de usurpación”. Pon de relevo o diferente trato que, incluso os membros da PAH recibiron por parte do banco cando tratan de liquidar este caso: “Notamos un tufillo cando imos falar co banco. Parece que hai algo distinto; claramente, son xitanos”.

Durante a rolda de prensa anunciaron que a PAH Vigo Tui poñerá en marcha unha canle on-line para denunciar estes e outros casos, xa que o seu activismo está a ser silenciado en numerosas ocasións polos mass media convencionais.

Dalle aquí para ver o video

Ernesto Ilkermn / Cristian Lopez / Rubens Rocha

Una respuesta para "A nai desafiuzada que durmiu dúas semanas nunha estación de bus"