“É o primeiro artigo importante que resulta do noso proxecto ERC”. Así se refire o docente e investigador da Universidade de Vigo David Posada ao artigo Rapid evolution and biogeographic spread in a colorectal cancer que este mércores publica a revista Nature Communications. O traballo desenvolvido xunto aos investigadores posdoutorais do seu grupo no Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) da Universidade de Vigo Joao M. Alves e Sonia Prado, e coa participación do patólogo do Hospital Clínico Universitario de Santiago José Manuel Cameselle, reconstrúe a partir da análise xenómica a historia evolutiva dun cancro colorrectal e a súa expansión metástatica. “Isto é unha proba de concepto, un estudo onde amosamos como se poden utilizar técnicas evolutivas sofisticadas para reconstruír o modo e o tempo da diseminación tumoral dentro dunha persoa”, explica o catedrático, que sinala que, se o cancro é un proceso evolutivo, empregar esta perspectiva é natural para entender como medra e se expande e a que velocidade o fai.
“É entender a bioloxía do cancro”, asegura Posada, que destaca a novidade que supón a abordaxe con modelos probabilísticos dos cambios xenómicos dun tumor no tempo e no espazo, , algo que, segundo o investigador da Universidade de Vigo, se intentou previamente, aínda que dun xeito máis descritivo. “Utilizamos métodos sofisticados que nos permiten estimar parámetros evolutivos relevantes a partir do ADN tumoral, como a taxa de crecemento, a migración celular ou a adaptación xenómica. Achegamos medidas cuantitativas da dinámica tumoral”, detalla Posada, que destaca en que o equipo que coordina é o primeiro en empregar esta metodoloxía evolutiva avanzada para a análise do cancro, razón pola que Nature Communications decidiu publicar este traballo. O catedrático vigués incide na idea de que máis aló dos achados que se derivan desta investigación, a súa importancia reside “na abordaxe e na proba concepto de como se pode investigar de xeito retrospectivo un cancro para aprender como células tumorais se moven e adaptan a novos ambientes para prolongar a súa existencia, e nun futuro aplicar este coñecemento de maneira prospectiva ou para estratificar os pacientes”.
Diseminación tumoral pola vena porta e metástase temperá
A investigación, que se prolongou durante dous anos, conclúe que, no caso do paciente estudado, a metástase inicial, en lugar de ser a través do sistema linfático, foi vía vena porta, que une o colon co fígado, é dicir, vía sanguínea. “Demostramos así que o cancro pode chegar aos nodos linfáticos do intestino non a partir do propio colon, senón pasar primeiro polo fígado. Apuntamos ademais os posibles cambios xenómicos concretos que poderían explicar a adquisición da capacidade metastática, é dicir, da posibilidade de diseminarse con éxito e colonizar outros órganos e tecidos”, detalla Posada.
Así mesmo, o traballo dos investigadores suxire que a metástase, “neste paciente, e posiblemente na maioría”, especifica Posada, ocorre antes do que normalmente se pensa. “Non parece que o tumor primario teña que medrar moito e dalgún xeito ‘madurar’ para poder diseminarse. Non, neste caso particular pensamos que desde o principio medraron case á vez o tumor primario e as metástases no fígado, o que loxicamente foi fatal para o paciente”.
Un traballo que abrirá a porta a máis resultados
A investigación, que agora publica Nature Communications, está precedida dun traballo que se inicia a finais do ano 2014, cando David Posada recibiu unha subvención de dous millóns de euros da convocatoria do Consello Europeo de Investigación (ERC) Consolidator Grants para estudar a evolución celular no cancro colorrectal e na leucemia linfocítica. “O groso dos resultados deste proxecto aínda non chegou. Por sorte, contamos dende o principio coa axuda fundamental dun gran patólogo como Jose Manuel Cameselle. Traballar con xenomas de células únicas é moi complicado e tivemos que implementar técnicas moi avanzadas. Este é o primeiro resultado importante, pero esperamos máis. Niso estamos a traballar”, detalla Posada.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.