Nava Castro salienta a aposta decidida da Xunta pola internacionalización de Galicia como destino

A directora de Turismo visitou hoxe a Oficina de Turismo do Aeroporto de Santiago onde subliñou que a oferta de bolsas formativas en mercados emisores que se verá reforzada na convocatoria para 2020
Publicado por o día 28/01/2020 na sección de Turismo,Xunta de Galicia

Nava Castro salienta a aposta decidida da Xunta pola internacionalización de Galicia como destino

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou hoxe a Oficina de Turismo do Aeroporto de Santiago de Compostela onde salientou que un dos obxectivos da Xunta de Galicia para o ano 2020 en materia de turismo é reforzar a presenza internacional.

Durante a visita, Nava Castro lembrou que a Consellería de Cultura e Turismo, na antesala do Xacobeo 2021, acaba de reforzar a oferta de bolsas formativas en mercados emisores relevantes para a Comunidade galega en Europa, América e Asia. Nesta liña, destacou que en 2020 o Goberno galego ofrece nove bolsas, fronte ás oito do ano pasado, para o que se conta cun orzamento superior aos 220.000 euros.

Con esta nova convocatoria cuxo prazo de presentación de solicitudes xa se pechou e que se resolverá nos próximos meses, o Goberno autonómico segue afondando no obxectivo da internacionalización do destino e tamén na formación do sector para garantir unha excelencia na atención. Segundo explicou Nava Castro, seleccionáronse prácticas en diferentes oficinas de turismo de Europa, como Londres, París, Berlín e Bruxelas. Como novidade respecto ao ano pasado incorporarase tamén Lisboa, Roma e Dublín. Dentro dos novos destinos seleccionados tamén se incluíu América, xa que se oferta unha bolsa na oficina de Miami. No caso de Asia a bolsa será para Cantón, en China. En todos os casos a estadía formativa terá unha estadía de 10 meses, cunha incorporación prevista en marzo.

“Con esta medida continuamos a traballar na internacionalización do destino galego dando resposta á positiva evolución da actividade turística que Galicia está a rexistrar nos últimos anos, garantindo a excelencia na atención e o perfeccionamento profesional no eido turístico”, manifestou a directora de Turismo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.