Nava Castro salienta en Madrid a importancia que a cultura está a ter no crecemento cualitativo do Turismo en Galicia

Destacou o traballo levado a cabo desde a Consellería de Cultura e Turismo para estender o atractivo do turismo cultural máis alá dos lugares establecidos, con políticas que incentivan a posta en valor do patrimonio nos concellos e xeodestinos
Publicado por o día 19/12/2018 na sección de Turismo

Nava Castro salienta en Madrid a importancia que a cultura está a ter no crecemento cualitativo do Turismo en Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe no foro de turismo organizado anualmente polo xornal La Razón, no que puxo de manifesto a crecente contribución que o turismo está a ter para a recuperación do patrimonio cultural en Galicia. Un patrimonio, dixo, que é clave tamén no crecemento cualitativo do turismo que vive a Comunidade galega ao conseguir atraer viaxeiros en calquera época do ano e contribuír así á mellora da rendibilidade do sector.

Durante o almorzo informativo -que compartiu coa directora xeral de Turismo en Madrid, Marta Blanco, e co director de comunicación do Museo do Prado, Carlos Chaguaceda- Nava Castro puxo de manifesto a fortaleza de Galicia neste eido, avalada polas políticas emprendidas desde a Consellería de Cultura e Turismo para estender o atractivo do turismo cultural máis alá dos lugares establecidos, con incentivos e axudas a concellos e xeodestinos para poñer en valor do seu patrimonio.

“O turismo cultural estase a converter nun eficaz aliado para a conservación do noso patrimonio e tamén para afrontar os retos futuros do turismo”, indicou Nava Castro poñendo como exemplo as diferentes rutas culturais e naturais desenvolvidas en Galicia, así como o peso do Camiño de Santiago, que está a medrar a un ritmo de case o 9% con peregrinos de preto de 180 nacionalidades diferentes, e o traballo levado a cabo para a súa conservación, mantemento e difusión da man do Plan director do Camiño de Santiago.

Como explicou, o obxectivo do Goberno galego non é incrementar a chegada de visitantes sen sentido senón diversificar e desestacionalizar a oferta ofrecendo experiencias singulares durante todo o ano. Neste sentido, o turismo cultural está a ter un papel clave, por iso Galicia traballa para afondar nas oportunidades que supón a súa presenza en oito itinerarios europeos, avanzando na posta en marcha de produtos e experiencias ao seu redor.

Clave para os retos do turismo

Ademais, a Comunidade galega tamén progresa en alianzas estratéxicas con outras rexións europeas a través de proxectos que afondan na posta en valor do patrimonio, como Creative Ioci Iacobi, unha iniciativa na que Galicia é socia colaboradora e que busca a promoción do patrimonio Unesco situado ao longo das distintas rutas europeas do Camiño de Santiago; ou a ruta europea de turismo de mergullo, WAOH! Route, coa que se pretende crear a primeira ruta atlántica que contribúa, ademais, a conservar e impulsar o patrimonio natural.

No contexto de moderación xeralizado no que Galicia está a vivir o seu segundo mellor ano turístico, púxose de manifesto a gran oportunidade que a Comunidade galega ten no turismo cultural ao estar axudando a atraer visitantes que xeran sustentabilidade económica e ambiental, contribuíndo a aumentar a confianza do sector, que mellora as súas tarifas máis dun 2% e está a consolidar a súa rendibilidade.