A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe en Oporto na presentación do proxecto europeo Fazendo o Camiño, no que a Xunta participa xunto a Turismo Porto-Norte de Portugal, a Dirección Rexional de Cultura do Norte e á Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal para consolidar as rutas do Camiño de Santiago na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e impulsar o seu aproveitamento sustentable patrimonial, cultural e natural.
Como indicou a directora, ao abeiro deste proxecto, a Xunta asesora ao país luso na súa xestión, sinalización, mantemento, promoción e divulgación ao redor do Camiño de Santiago tendo moi en conta que o Camiño Portugués e a súa variante costeira suman máis de 96.000 peregrinos e están a vivir un importante crecemento nos últimos anos. É, dixo, unha gran oportunidade para ambos territorios, especialmente para os concellos do rural onde en Galicia se ten comprobado que xenera riqueza e supón un impulso socieconómico.
Recordou a experiencia que a Xunta ten á hora de realizar labores de conservación, mantemento e divulgación do Camiño de Santiago, así como na atención ao peregrino con máis de 70 albergues na súa rede pública. Asegurou que proxectos como Fazendo o Camiño permiten que toda esa experiencia poda ser compartida con Portugal e reforzar así as sinerxías entre ambos territorios.
Traballo de campo
A presentación de hoxe dá continuidade ás accións emprendidas o pasado ano cando se celebraron en Galicia as primeiras reunións técnicas para dar a coñecer o modelo de xestión así como os traballos de cara ao vindeiro Ano Santo. Tamén se realizaron visitas de campo para coñecer a rede pública de albergues da Xunta, amosando o traballo na rehabilitación de inmobles para a acollida de peregrinos tomando como exemplo o Camiño de Fisterra e Muxía.
Fazendo o Camiño foi aprobado no marco da segunda convocatoria do Programa Interreg V (POCTEP) e desenvolverase ata o ano 2021, cunha serie de actividades que buscan mellorar a xestión conxunta e a afluencia turística do Camiño de Santiago, así como incrementar a implicación local na conservación e protección da ruta xacobea.
Entre as distintas actividades programadas incluirase a creación en Portugal do Consejo Luso-Galaico do Camiño de Santiago no que estarán representados todos os beneficiarios que buscará lograr o recoñecemento institucional que precisan as rutas xacobeas en Portugal para o seu desenvolvemento ordeado e sustentable.
Asesoramento para a regulación portuguesa
En virtude deste programa tamén se prevé a realización de estudos e análises estatísticos que permitan coñecer as particularidades do Camiño de Santiago en territorio luso e galego que sirvan como base dunha estratexia transfronteiriza conxunta atendendo a todas as compoñentes da ruta xacobea, tanto territorial como turística, económica e patrimonial.
Este proxecto encaixa nos obxectivos plasmados no Plan Estratéxico do Xacobeo 2021 no que a Xunta de Galicia traballa coa vista posta no Ano Santo para protexer e divulgar todas as rutas de peregrinación e afondar na colaboración e coordinación entre distintos países. Ademais tamén dá continuidade aos traballos conxuntos emprendidos entre Galicia e Portugal desde 2015, que fixeron posible a posta en marcha do decreto-lei que regula o Camiño de Santiago no país luso. Trátase dunha regulación que contou co asesoramento de Galicia, participando nalgunhas das reunión e consultas sobre esta normativa coa intención de harmonizar a xestión ao redor do Camiño en ambos territorios.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.