Nava Castro salienta o millón de euros que a Xunta está a destinar para o impulso do turismo termal e flubvila no Ribeiro e o Carballiño

Trabállase na recuperación do histórico balneario de Cortegada para acoller unha área museística e hosteleira ao carón do río Miño así como na posta en valor ambiental do encoro de Castrelo de Miño ou nunha área de autocaravanas
Por o 04/03/2019 | Sección: Galicia,Ourense,Turismo
Nava Castro salienta o millón de euros que a Xunta está a destinar para o impulso do turismo termal e flubvila no Ribeiro e o Carballiño

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou esta mañá os concellos ourensáns de Piñor, Cenlle e Cortegada, no xeodestino O Ribeiro-O Carballiño onde a Consellería de Cultura e Turismo está a traballar en varios proxectos que contribuirán a impulsar o turismo termal, de natureza e fluvial ao carón do Río Miño cun investimento global dun millón de euros.

A visita da directora de Turismo incluíu a presentación dun dos proxectos máis destacados que está a realizar a Xunta para manter e conservar o importante legado termal de Galicia. Trátase da rehabilitación de Baños de Cortegada, o histórico balneario que –cun investimento de máis de 400.000 euros- será recuperado para acoller unha área museística e hosteleira ao carón do río Miño demostrando a capacidade do turismo para contribuír a conservar e manter o legado e patrimonio galego.

Trátase dun proxecto clave para Cortegada, pero tamén para Ourense e para toda Galicia e que completa os investimentos e actuacións que desde a Consellería de Cultura e Turismo se leva facendo os últimos anos neste concello ourensán, contribuíndo á creación do edificio para actividades lúdico-termais moi preto do edificio ou o acondicionamento de todo o paseo desde o centro de Cortegada ata o antigo balneario incluíndo a súa sinalización turística.

O percorrido polo xeodestino incluíu tamén unha parada no concello de Cenlle, onde a Xunta está a investir medio millón de euros para impulsar o turismo fluvial ao carón do Miño. Despois de ter colaborado na conexión para unir dous dos principais focos turísticos a través dunha pasarela peonil no paseo fluvial unindo as adegas e o balneario de Laias, dáse agora un paso máis actuando no encoro de Castrelo de Miño.

Importancia turística do río Miño

Trátase dun proxecto de recuperación ambiental e senda peonil na súa marxe dereita que contribuirá a impulsar o turismo ao redor do río Miño que se enmarca nos obxectivos que persegue a Estratexia de Turismo de Galicia 2020. Fai especial énfase nos ríos Miño, Sil, Ulla e Tambre, pero tamén nos encoros como este e prevense melloras nas infraestruturas ou a creación de produtos turísticos ao seu redor. Tamén se traballa no fomento de prácticas deportivas nestas contornas, en impulsar melloras dos accesos aos recursos fluviais ou mesmo na mellora da súa navegabilidade.

A Consellería de Cultura e Turismo tamén inclúe neste xeodestino a creación dunha área de autocaravanas no concello de Piñor, que tamén foi hoxe visitado por Nava Castro. Situada nunha parcela dun dos núcleos de maior poboación e actividade da zona, próxima á Vía da Prata, esta nova área suporá un reforzo da actividades económica do interior de Ourense grazas á actividade turística. Os traballos –para os que a Xunta investiu máis de 70.000 euros- dan resposta ás accións incluídas na Estratexia de turismo de Galicia 2020 que inclúe, especialmente para o interior e o rural, iniciativas como a captación de turismo itinerante nos cámpings así como a adecuación de infraestruturas para recibir as autocaravanas.

Crece o turismo de interior

A Consellería de Cultura e Turismo mantén un férreo compromiso coa diversificación da oferta turística repartida por todo o territorio, compromiso no que se enmarcan os proxectos que están en marcha neste xeodestino, que supón ao redor do 11% dos viaxeiros que visitan a provincia de Ourense.

Con estas actuacións, a Consellería continúa a impulsar o turismo nesta provincia, que o ano pasado foi a que tivo a mellor evolución. Recibiu case un 7% máis de viaxeiros, ata roldar os 340.000 e fixeron máis noites, superando as 727.000. Ourense acumula así cinco anos de mellora da súa demanda turística.

Comentar noticia

Your email address will not be published.