Naval de Pontevedra e as Torres logran a vitoria en Barra de Miño

Por o 13/04/2019 | Sección: Deportes,Piragüismo
Naval de Pontevedra e as Torres logran a vitoria en Barra de Miño
Os padeeiros do Piragüismo Olívico Iván Alonso co seu compañeiro Jaime Sobrado, Ton Campos xunto a Diego Romeu, Tania Fernández con María Villar e Jenifer Casal con Nuria Rodiño foron os vencedores das categorías senior.
 
Esta mañá celebrouse en Barra de Miño pertencente ao concello ourensán de Coles, o Campionato Galego de Inverno de barcos de equipo (K2 e C2) sobre a distancia de 5.000 metros, cunha participación de máis de 400 deportistas pertencentes a 35 equipos.
 
As clasificacións xerais por equipos das distintas ligas pecháronse sen sorpresas, en home senior o podio foi para o Naval de Pontevedra seguido do Club Piragüismo Vilaboa e terceiro o Club Piragüismo Olívico. Mentres que na categoría feminina o triunfo levoullo o Club As Torres, seguido en segunda posición polo Club de Mar Ría de Aldán e en terceiro lugar polo Piragüismo Rías Baixas.
 
O E. P. Cidade de Pontevedra levaría o primeiro premio a categoría xuvenil masculino, completando o podio o Piragüismo Rías Baixas e o Club Náutico Pontecesures. Pola súa banda en mulleres o E. P. Cidade de Pontevedra repetía vitoria por diante da Náutico Ría de Betanzos e Piragüismo Verducido.
 
Por outra banda, na categoría veterano masculina o primeiro club clasificado foi o Club de Mar Ría de Aldán, a segunda e terceira posición leváronlla o E. P. Cidade de Pontevedra e o Fluvial de Lugo. O podio da clasificación feminina foi para o Piragüismo Olívico, Club de Mar Ría de Aldán e Fluvial Avión.
 
Como se prevía os favoritos á vitoria final nas distintas categorías cumpriron os prognósticos alcanzando as medallas en xogo. As embarcación do Piragüismo Olívico de Iván Alonso xunto co seu compañeiro Jaime Sobrado foron os primeiros en cruzar a liña de meta en kaiak senior por diante da parella do Piragüismo Vilaboa de Breixo Buján e Diego Castro, en terceira posición cruzaba a liña de meta a parella do Naval de Pontevedra formada por Breogán Monteagudo e Roberto Abal.
 
A modalidade de canoa deixou como vencedores aos padeeiros do Breogán Ton Campos e Diego Romeu en home senior C2. En segundo lugar cruzaban a liña de chegada a dupla do Club As Torres formada por Fernando Busto e Diego Miguéns, en terceira posición entraba a C2 de Jaime Duro e Álvaro López do E. P. Cidade de Pontevedra.
 
Na categoría senior feminina Tania Fernández xunto a Carmen Villar do Club Kaiak Tudense lograron a medalla de ouro, as medallas de prata e bronce foron a parar nas embarcacións do Club As Torres de Lorena Jubón xunto a Fátima Ordóñez e a embarcación das irmás Araceli e Carmela Menduíña do Ría de Aldán.
 
Pola súa banda, Jenifer Casal xunto a Nerea Rodiño do E. P. Cidade de Pontevedra colgáronse a presea dourada en C2 senior. As pontevedresas impuxéronse ás piraguas do Piragüismo Rías Baixas de Arancha Rodríguez e Verónica Ferreirós.
 
Xa na categoría xuvenil, a vitoria en home kaiak foi para Anxo González e Gabriel Martínez do Ribeiras do Tambre, Martín Jácome e Diego Piñeiro do E. P. Cidade de Pontevedra gañaron en canoa, mentres que na categoría feminina a vitoria leváronlla Irene Latexe e Xema Alonso do Ría de Betanzos.
 
Ademais tamén se celebraron as regatas correspondentes á categoría veterano onde Bernardo Sánchez e Ulises Diéguez do Fluvial de Lugo gañaron na categoría B, a embarcación de Neftalí Paraxe e Adolfo Monteagudo gañou na categoría A. En mulleres a K2 vencedora foi a de María e Paula Rodríguez. Por último a combinación Pedro Reguera e Nestor Álvarez levaron o ouro en veterano A, doutra banda Gustavo López e Enrique Míguez do Kaiak Tudense venceron en veterano B.

Comentar noticia

Your email address will not be published.