Navia, o Casco Vello Alto e o Calvario, os grandes protagonistas de Cine nos Barrios

Cine nos Barrios volve un ano máis aos barrios vigueses. Nesta ocasión o evento terá lugar mañá 26 de abril en Navia o 27 no Casco Vello Alto e o 1 de maio no Calvario.
Por o 25/04/2019 | Sección: Cultura,Galicia,Vigo
Navia, o Casco Vello Alto e o Calvario, os grandes protagonistas de Cine nos Barrios

Dado o éxito que tivo a anterior edición de Cine nos Barrios coa exhibición en Coia e Teis do documental Vigo 1972do director Roi Cagiao, este ano volverá co fin de espallar a cultura cinematográfica polos diferentes barrios vigueses. Así, Cine nos Barrios dará comezo mañá en Navia (rúa Teixugueiras 16-20), continuará o día 27 no Casco Vello Alto (Praza do Abanico) e o 1 de maio no Calvario (Urzáiz, 162) coincidindo coa gala de inauguración do Primavera do Cine.

Dous dos títulos escollidos, O filme da minha vida e Antes que eu me esqueça, serán exhibidos no marco da XII mostra Novocine, evento que organizan a Embaixada de Brasil en Madrid e a Funda­ción Cultural Hispano-Brasileña co obxectivo de dar a coñecer entre o público as últimas novidades da cinematografía de Brasil. Pola súa banda, a proxección de No intenso agora marcará o inicio da sección oficial de longametraxes do VIII Primavera do Cine.

Deste xeito, mañá 26 de abril ás 21.30, proxectarase en Navia O filme da minha vida, de Selton Mello, onde se narra a vida dun mozo namorado do cinema e da poesía que, logo de graduarse na universidade, descubre que o seu pai marchou a Francia para sempre abandonándoo a el e a súa nai. Ao longo do filme, o protagonista irá descubrindo as razóns da súa partida.

Esta cinta, de gran calidade, conseguiu alzarse co Gran Premio del Cine Brasileño en 2018 á mellor banda sonora, un galardón que entrega anualmente a Academia Brasileña de Cine, así como o Premio del Público ao mellor filme internacional no Festival de Cine de Lima 2018.

sábado 27 de abril no Casco Vello Alto ás 21.30, todos os asistentes poderán gozar do filme Antes que eu me esqueça, deTiago Arakilian. A cinta, gañadora do premio á mellor longametraxe estranxeira no International Thai Film Festival, aborda a historia de Polidoro, un xuíz xubilado que decide converterse nun socio dun club de striptease e as confrontacións que terá a partir deste suceso coa súa filla, quen buscará incapacitalo xudicialmente.

Finalmente, o 1 de maio no Calvario, a partir das 21.00 e coincidindo coa gala de inauguración do Festival Primavera do Cine, exhibirase a derradeira das películas ao aire libre: No intenso agora, de João Moreira Salles. A obra proxectarase xusto despois da entrega a mención honorífica a Manolo González, un dos grandes impulsores do audiovisual galego.

Nesta ocasión, o Primavera do Cine quere conmemorar o Día Internacional do Traballo cun dos mellores filmes da década. Unha película que constrúe unha historia das revolucións do 68 como nunca antes foran contadas. Realizada tras o descubrimento da metraxe amateur rodada en China en 1966, durante a primeira e máis radical fase da Revolución Cultural, No intenso agora trata da natureza fugaz dos momentos máis intensos. Ás escenas de China, súmanse imaxes dos acontecementos vividos en 1968 en diversos países.

Comentar noticia

Your email address will not be published.