Negativa do PP a reforzar o PAC da Estrada

Publicado por o día 08/11/2018 na sección de Política,PSOE

Negativa do PP a reforzar o PAC da Estrada

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, lamentou hoxe o veto do PP a unha proposta socialista para dotar aos PACs do persoal necesario para cubrir as baixas ou vacacións. Torrado presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Sanidade na que tamén reclamaba a dotación dun segundo equipo na Estrada para evitar que se repita o falecemento dun paciente este verán por falla de atención.

Torrado advertiu que o suceso, que se produciu cando o único médico dispoñible tivera que saír a atender unha emerxencia, “foi unha consecuencia e non un accidente”, e alertou de que a situación “continúa igual, co que este suceso pode volver ocorrer”. Lamentou que o PP e o goberno galego “prefiran salvarse politicamente eles mesmos antes que salvar ao sistema sanitario público”.

O responsable socialista reclamou un plan de contratación para dotar aos centros de saúde e PAC de “todo o persoal de atención primaria dispoñible” co obxectivo de “cubrir ao máximo volume as ausencias producidas por vacacións ou baixas”. Actualmente o goberno galego ten levado á atención primaria a unha “situación límite”, deixando os centros sen recursos humanos, e os que hai padecen unhas “condicións leoninas” por un modelo laboral “explotador”.

Torrado xustificou hoxe a folga convocada nos PACs galegos e acusou ao goberno galego de situarse “fronte aos traballadores e traballadoras” que son os únicos que están “salvando” ao sistema sanitario do “colapso” ao que quere sometelo o PP. Advertiu que “da a sensación de que a Consellería desfruta cando ve a desesperación dos traballadores e traballadoras”.

Os socialistas reclamaran hoxe un informe sobre a situación asistencial dos PAC de Galicia, que inclúa “o número de persoal existente en cada un deles en todas as circunstancias do ano 2018”, especificando a dotación estándar, así como a dispoñible para verán, fins de semana ou quendas de noite”. Propuxo neste sentido a celebración dunha xuntanza extraordinaria da Comisión de Sanidade monográfica para analizar a situación dos PACs en Galicia.

O responsable socialista esixiulle ao goberno galego que faga público o “suposto informe” sobre planificación e quendas nos PAC galegos ao que está a apelar o PP e que manteñen “agochado baixo sete chaves”.

Comisión de Investigación

O portavoz de Sanidade criticou hoxe o “boicot” provocado polo PP á Comisión de Investigación de Sanidade, constituída por iniciativa dos grupos da oposición, que a semana pasada anunciaron a súa intención de abandonala polo veto do PP ás comparecencias solicitadas por socialistas, En Marea e BNG. Censurou que o grupo maioritario pretenda investigar os sucesos do PAC da Estrada ou a situación dos PAC “sen a presenza de ninguén da Estrada e ninguén dos PAC”.

O resultado será, lamentou, unha Comisión que continuará funcionando tan só cos representantes do grupo que sustenta ao goberno, co que, resumiu, “o PP vaille preguntar ao PP que tal o está a facer o PP”.