Nenos de catro anos merecedores dun Óscar

Dúas mestras de Infantil do CEIP Pena de Francia guionizaron e dirixiron a película ‘En busca das cores perdidas’ na que participaron os seus 34 alumnos
Publicado por o día 12/04/2017 na sección de Galicia,Mos,Vigo

Nenos de catro anos merecedores dun Óscar

Os alumnos e alumnas de 5º curso de Educación Infantil, de catro anos de idade, estrearon a semana pasada ante a atenta mirada das súas mestras, as súas familias e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo e a concelleira de Educación mosense, Kely Monzón; a súa película titulada ‘En busca das cores perdidas’.

Ao máis puro estilo hollywoodiense, os pequenos decoraron o auditorio do Centro Dotacional de Torroso, elixido para o estreo. Dende alfombra vermella ata coloridos postos de venda de entradas para ver o filme e de ‘palomitas’ ao módico prezo dunha ‘chuche’, todo o atrezzo estivo coidado ata o último detalle; o que ten máis mérito tendo en conta que a manufactura foi propia a cargo dos cativos e as súas profes.

O traballo en equipo primou durante todo o proceso creativo da película dende o seu inicio, e tamén o fixo o día do estreo, onde cada equipo adoitou un rol habendo así grupos de vendedores de entradas, vendedores de palomitas, prensa, actores, acomodadores, presentadores, público, etc. Roles que os pequenos protagonistas desta incrible iniciativa asumiron con tanta naturalidade que ata acabaron asinando autógrafos durante o estreo ao máis puro estilo das estrelas da gran pantalla, tal e como conta unha das mestras responsables deste proxecto, Loli Rosende.

Outro dos datos que sorprende desta aventura cinematográfica infantil é o meteórico do seu proceso, pois dende o inicio –despois das vacacións de Entroido- ata o estreo do filme transcorreu aproximadamente mes e medio. Todo comezou cando un compañeiro no Colexio Pena de Francia das profes promotoras da peli e autoras do guión, Paula Salgado e Loli Rosende, as puxo en contacto co Cineclub Pontevedra, onde el tamén traballaba. Salgado e Rosende presentáronlles o guión que cautivou ao Cineclub en non dubidaron en embarcarse nesta marabillosa travesía.

A historia que narra ‘En busca das cores perdidas’ conta un extrano suceso acontecido no patio do cole de Pena de Francia durante o recreo dos nenos, que ten como consecuencia a desaparición das cores que os alumnos de 5º de Infantil decídense a buscar por equipos emprendendo longas e trepidantes viaxes. Todo o atrezo empregado nos escearios da película foi confeccionado polos propios nenos, que tamén participaron en tres intensos días de grabación. A grabación e a montaxe da peli correron a cargo de Cris e Belén do Cineclub de Pontevedra, ás que dende a comunidade educativa do CEIP Pena de Francia lles están inmensamente agradecidos.

O grao de implicación e traballo dos cativos protagonistas deste filme non chega só ata aquí, senón que hai máis. Durante unha semana, as súas profes Loli e Paula, traballaron con eles o tema do deseño de cartelería de cine e despois eles mesmos encargáronse de deseñar e executar a imaxe do cartel da súa peli. As eleccións de todos os elementos tanto do cartel como relativos á película en xeral, realizáronse sempre democráticamente por un rigoroso sistema de votación.

Todo este traballo realizárono Loli Rosende e Paula Salgado xunto cun total de 34 nenos e nenas de 4 anos de idade, que corresponden ás dúas aulas de 5º curso de Educación Infantil do Colexio Pena de Francia das que elas son titoras.

Semellante iniciativa, dotada de tanta profesionalidade e dun carácter educativo e didáctico innegable, non podía senón ter un enorme éxito entre as familias dos cativos participantes. Así foi que o estreno logrou encher de pais, nais, tíos, tías, avós… etc., o auditorio de Torroso. Ademais de lograr un importante grao de implicación e satisfacción entre os proxenitores dos protagonistas, que se volcaron durante todo o proceso.

Resulta sorprendente o resultado desta primeira experiencia cinematográfica dunha trintena de pequenos de 4 anos e as súas mestras. Un traballo excelente que Loli e Paula atribúen e agradecen ao Cineclub de Pontevedra pero no que elas tamén teñen moito que ver.

A calidade deste proxecto é tan grande que dende o Concello de Mos se lles propuxo xa a posibilidade de facer un pase da película por tódolos centros educativos do municipio, así como integrar a súa proxección no programa municipal ‘Ocio en Familia’. Polo de pronto despois de Semana Santa farase, no propio CEIP Pena de Francia, un pase de ‘En busca das cores perdidas’ para os alumnos/as de primeiro curso de Primaria.