Neonatoloxía do Álvaro Cunqueiro vístese de gala con motivo do día mundial do prematuro

A asociación de nais e pais de prematuros AGAPREM colabora activamente nos actos e entregará o “Patuco de honra”
Publicado por o día 14/11/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

Neonatoloxía do Álvaro Cunqueiro vístese de gala con motivo do día mundial do prematuro

A Unidade de Neonatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) engalánase este domingo, día 17 de novembro, para celebrar o Día Mundial do Prematuro. O Hospital Álvaro Cunqueiro, onde está a Unidade, acollerá unha serie de actos durante toda a mañá, na que no faltarán momentos lúdicos para o persoal que alí traballa e para as familias dos bebés.

“Este ano queremos enviar unha invitación especial aos nenos e nenas que pasaron no seu día por esta Unidade, para ensinarlles onde estiveron ao nacer”, explica a xefa de sección de Neonatoloxía do CHUVI, Ana Concheiro.

Se o protagonismo será para as familias e os seus nenos e nenas, non o será menos a defensa que se fará, aproveitando a celebración, da idoneidade da alimentación con leite materno para os bebés e especialmente para os prematuros.

De feito, o evento comezará ás 10,30 horas deste domingo, no salón de actos do hospital, cunha intervención de Beatriz Magán, enfermeira da Unidade, que falará sobre “Leite materno: o mellor aliado do prematuro”. Seguiralle a doutora Concheiro cunha breve disertación sobre “O Banco de Leite do Álvaro Cunqueiro: un exemplo de solidariedade”.

Pola súa banda os representantes da asociación de nais e pais de prematuros AGAPREM, que colabora activamente nas actividades do día, fará un balance da súa xestión durante o último ano e entregará o “ Patuco de honra”, unha distinción que xa é tradicional nos actos que se fan en Vigo con motivo do Día Mundial.

Máis tarde, no hall principal do hospital, o actor e monologuista Cándido Pazó, protagonizará unha actuación para os asistentes, antes de que o evento continúe na planta da Unidade de Neonatoloxía, cuxos corredores estarán decorados para a ocasión, onde se entregarán unha serie de agasallos aos menores asistentes.

250 prematuros ao ano

Cada ano nacen na área sanitaria de Vigo ao redor de 250 bebés prematuros, o que representa un 7% do total de nacementos. Unha porcentaxe que se mantén case constante no últimos tres anos.

A maioría deles, ao redor de 190, nacen entre as semanas 32 e 36 de xestación das súas nais. Estes bebés pesan menos de 1,5 quilogramos.

Os 40 restantes son os denominados “grandes prematuros” que pesan menos de 1 quilogramo. Divídense en dúas categorías por período de xestación. Os máis “cativos” son os que nacen entre as semanas 24 e 28, aproximadamente 10 ao longo do ano. Os 30 restantes fano entre as 32 e 36 semanas de embarazo das súas nais.

O bebé máis pequeno que atendeu Neonatoloxía no último ano pesou medio quilogramo no momento de nacer.

Comentar noticia

Your email address will not be published.