Neurocirurxiáns do Chuvi utilizan unha nova variante tras a intervención con endoscopia dun tumor cerebral

Neurocirurxiáns do Chuvi foron recoñecidos a nivel nacional polo emprego dunha variante nova tras unha intervención mediante endoscopia para extirpar un tumor cerebral. De feito, a gravación da operación foi galardoada como o mellor vídeo presentado no recente congreso da Sociedade Española de Patoloxía de Base de Cranio, celebrado en Valencia
Por o 10/12/2017 | Sección: Sanidad
Neurocirurxiáns do Chuvi utilizan unha nova variante tras a intervención con endoscopia dun tumor cerebral
Compartir en:

​Neurocirurxiáns do Chuvi foron recoñecidos a nivel nacional polo emprego dunha variante nova tras unha intervención mediante endoscopia para extirpar un tumor cerebral. De feito, a gravación da operación foi galardoada como o mellor vídeo presentado no recente congreso da Sociedade Española de Patoloxía de Base de Cranio, celebrado en Valencia.

A novidade do caso consistiu na técnica empregada para “selar” a canle polo que se practicou a endoscopia expandida endonasal para abordar o tumor cerebral que sufría a paciente operada.

A técnica endonasal endoscópica expandida consiste en introducir polo nariz o catéter endoscopio e o instrumental necesario para acceder á parte do cerebro na que se localiza o tumor. Normalmente, unha vez extirpado este, reconstrúese o orificio polo que se practicou a endoscopia utilizando mucosa do tabique nasal. Neste caso era imposible realizar tal reconstrución polas complexas condicións anatómicas da paciente, que carecía de tabique nasal.

Os neurocirurxiáns que practicaron a intervención, os doutores Pablo Sanromán e Adolfo De la Lama, tiveron que valerse doutra técnica para proceder á mencionada reconstrución. A novidade nesa técnica é o que lles valeu o recoñecemento despois de proxectar o vídeo da intervención no transcurso do congreso nacional.

A  endoscopia endonasal expandida realízase no Chuvi desde fai uns dous anos. “A dificultade neste caso foi a fase de reconstrución do orificio, polas dificultades que tiña a paciente, xa que ao non dispoñer de tabique non o puidemos utilizar”, explican os doutores  Sanromán e De la Lama, que consideran “bo” o resultado final.

Experiencia de dous anos

“No servizo hai unha longa tradición na cirurxía de base de cranio microscópica e xa levamos dous anos realizando a endoscópica, en colaboración có Servizo de Otorrinolaringoloxía, polo que este premio nos anima a continuar nesta traxectoria, co obxectivo de avanzar neste proceso innovador”.

Os dous neurocirurxiáns adoitan realizar xuntos as intervencións deste tipo, coa colaboración da doutora Elisa Pardo de Otorrinolaringoloxía. De feito, o doutor Adolfo De la Lama é experto na cirurxía de base de cranio microscópica, mentres que Pablo Sanromán está especializado na cirurxía endoscópica expandida.

A vantaxe da técnica endoscópica é que “amplía máis o campo de visión” que rodea o tumor polo que se poden intervir patoloxías máis complexas, mentres que mediante o microscopio só pódese “atacar” unha zona concreta e específica. Por ese motivo, a cirurxía endoscópica expansiva utilízase cada vez máis, aínda que non se realiza en todos os hospitais.

Os servizos de Neurocirurxía e Otorrinolaringoloxía do Chuvi, que dirixen o doutor  Cesáreo Conde e o doutor Carmelo Santidrián respectivamente, realizan ao ano unhas 20 intervencións deste tipo. Na maioría dos casos trátase de extirpar un tumor cerebral, aínda que tamén se emprega para outras patoloxías.