Nidia Arévalo reúnese con Rey Varela para plantexarlle necesidades de Mos en materia social

O Centro de Día e o Sevizo de Axuda no Fogar centralizan as solicitudes formuladas pola rexedora local mosense ao conselleiro
Publicado por o día 05/06/2017 na sección de Galicia,Mos,Vigo

Nidia Arévalo reúnese con Rey Varela para plantexarlle necesidades de Mos en materia social

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reuniuse esta mañá en Santiago de Compostela co conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, para plantexarlle tres necesidades fundamentais en materia social do municipio mosense. Estas necesidades son a ampliación do Centro de Día para maiores que se atopa instalado na antiga Casa Reitoral de Petelos, outro sería a inclusión do mesmo na rede de centros para enfermos de Alzheimer da Xunta de Galicia e a terceira, o incremento en 100.000 euros máis do Servizo de Axuda no Fogar.

A ampliación do Centro de Día foille plantexada pola rexedora local mosense ao conselleiro como un plan a curto prazo que require dunha inversión de 140.000 euros para habilitar varias salas a maiores na zona sur do edificio da Casa Reitoral e facelas operativas para o uso de terapias e actividades con maiores, seguindo o método de recuperación empregado ata o de agora. Arévalo entregoulle hoxe a Rey Varela o proxecto desta obra.

Cómpre destacar que neste edificio contémplase tamén, máis a longo prazo, unha intervención máis ambiciosa para a que a rexedora local, Nidia Arévalo, e a concelleira de Medio Ambiente e Urbanismo, Julia Loureiro, xa lle solicitaron fondos ao Director Xeral de Desenvolvemento Rural e Director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois. A inversión necesaria neste proxecto de continuación da obra no Centro de Día alcanzaría os 300.000 euros.

Por outra banda, coa inclusión do Centro de Día de Petelos, actualmente xestionado pola Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia (AFAGA) e con gastos asumidos pola administración local, na rede de centros para enfermos de Alzheimer da Xunta, o Concello quedaría liberado do custe corrente do centro ao tempo que se ampliaría o horario de apertura do mesmo, pasando de abrir dous días á semana a facelo de luns a venres, o que implicaría tamén, polo tanto, un incremento de persoas beneficiarias. Neste sentido Arévalo destacou o gran e intenso labor que se está a facer nestas instalacións que durante o ano 2016 atenderon a un total de 49 usuarios e as súas familias.

Por último a alcaldesa solicitoulle ao conselleiro unha nova ampliación do SAF, Servizo de Axuda no Fogar, que dende Política Social xa se lle incrementara a Mos en 100.000 euros máis o pasado ano 2016 e que Nidia Arévalo solicitoulle hoxe a Rey Varela que se incremente noutros 100.000 euros a maiores no presente 2017.