Si. Nidia, si. Illadas e puteadas. Transporte interurbano en mans de empresas privadas.

O TRANSPORTE INTERURBANO DEPENDE DA XUNTA E XUSTAMENTE XUNTA E CONCELLO DE MOS SON GOBERNADOS POLO MESMO PARTIDO POLÍTICO. INSTAMOS Á ALCALDESA A QUE FAGA PRESIÓN PARA QUE SE MELLOREN OS HORARIOS E SE CUMPRAN
Por o 30/12/2017 | Sección: Opinión,Opinión por Iria Rodríguez
Si. Nidia, si. Illadas e puteadas. Transporte interurbano en mans de empresas privadas.

Carta aberta a alcaldesa de Mos:

O TRANSPORTE INTERURBANO DEPENDE DA XUNTA E XUSTAMENTE XUNTA E CONCELLO DE MOS SON GOBERNADOS POLO MESMO PARTIDO POLÍTICO. INSTAMOS Á ALCALDESA A QUE FAGA PRESIÓN PARA QUE SE MELLOREN OS HORARIOS E SE CUMPRAN.

OS FOLLETOS DOS HORARIOS TEÑEN QUE SER CLAROS. E REALISTAS.

É IMPORTANTE QUE SE SINALE BEN QUE AUTOBUSES PASAN POR RAMÓN NIETO.

En primeiro lugar quero aclarar que non pertenzo a Gañamos, precisión necesaria pois estou cansa de que o PP de Mos argumente en cada ocasión que detrás de cada crítica se agocha algún interese partidista espurio cando algunha veciña ou veciño se atreve a queixarse da xestión do municipio e do abandono da importante función do goberno municipal de facer presión e instar a outros niveis do goberno nos casos de falta de competencias ou a empresas privadas que se ocupan dos servizos básicos a que os presten adecuadamente. Cóntanme membros da oposición que a alcaldesa afirma que todo vai ben. Como vai saber a alcaldesa que todo vai ben se non colleu un autobús nas últimas dúas décadas polo menos! E por favor, Nidia, non me veñas chamar no timbre das casa dous días antes das próximas eleccións municipais e por favor que alguén che explique que por mandar encher de asfalto de forma chapuceira dous ou tres días antes calquera camiño que estaba ben como estaba non consegues votos extras, igual perdes algún. Pero non me quero alongar moito. O trasporte público necesita un cambio radical moi profundo, estrutural, no que se coordinen rede ferroviaria de proximidade, tranvías modernos, autobuses, urbanos e interurbanos. O diñeiro público, contribuído por tódolos cidadáns en menor ou maior medida, que o Estado está gastando na ampliación da ponte de Rande, para canto daría? Canto podería facilita-la mobilidade—que é un dereito dos cidadáns—gastado doutra maneira? Intentemos de momento polo menos volver a niveis anteriores ós últimos cambios, pois trala reestruturación nas novas empresas, o transporte común empeorou notablemente. Mellorara lixeiramente canda a implantación da tarxeta unha vez esta empezou a funcionar correctamente, en cuestión de horarios e de cumprimento dos horarios. No referente á información sempre foi deficitaria. Nunca houbo ningún tipo de información en Ramón Nieto. Había uns pequenos folletos que tiñas que pedir na estación de autobús, dende había nada, un par de anos, onde non se especificaba se pasaba ou non por Ramón Nieto. Se subía ó Meixueiro ou non. Cero información nas paradas do Meixueiro, arriba ou abaixo na rotonda. En tódalas paradas de Vitrasa, por poñer un exemplo, si houbo sempre horarios. Na actualidade, podes mandar un sms (se tes un móbil dos antigos) que che avisa do próximo autobús. E para o mesmo fin, hai unha app para os móbiles modernos.

Téndese a culpabiliza-lo usuario de non utiliza-lo transporte común (non público, son empresas privadas, subvencionadas, ás que se lle concede o doce carameliño do transporte escolar, que é onde realmente está o diñeiro). Para que os usuarios e usuarias vaian en autobús é preciso forxar un clima de confianza. A xente necesita saber exactamente que autobuses pode coller e tela seguridade de que non lle fallen. A xente que non utiliza o autobús con frecuencia necesita poder consulta-los horarios nas paradas. Uns horarios verídicos. As viaxeiras que van a Vigo diariamente necesitan te-la seguridade de que chegan ó traballo e de poder volver. É moi penoso tras un día duro de traballo ter que esperar e perder tempo pasando frío no inverno, de pé na parada (non hai onde sentarse). Mollándonos cando chove.

Ultimamente por razóns de saúde non me desprazo moito. Tamén porque teño medo de quedar en terra. Tirada de noite en Vigo sen ter como volver. Indicarei a seguir o que ocorreu en dúas ocasións concretas recentes:

22 decembro 2017, venres

Tomando como referencia os horarios FAIBÚS (entregados o día 22 dec. 2017 por condutor de Faibus):

19h. (Vigo-Porriño directo)= no folleto non especifica que pase por Ramón Nieto = non pasou pola parada, non pasou por Ramón Nieto.

19h40 (si especifica nos horarios que pase por Ramon Nieto) =  non pasou pola parada de R.N.

Ás 20h10 aparece un bus de FAIBUS (nos horarios pon Vigo-Porriño directo e pasa por Ramón Nieto) = si pasou e si subín e si parou en Ramilo. Unha veciña do Porriño tamén subiu; levaba alí desde moito antes ca min, desde ás 18h30.

Mentres esperabamos, esta veciña porriñesa chamou á compañía ó teléfono que aparece no folleto; non che saben dar unha información adecuada, poñen escusas que sempre son as mesmas. Accidentes. Nunca nos dixeron que estivésemos enganadas, que a esa hora non tal, nunca se nos propuxeron opcións. O mínimo é que se nos propoñan opcións realistas.

2 novembro 2017, xoves

O autobús das 20h. non pasou por Ramón Nieto (aparece no folleto como Vigo-Porriño directo); por sorte pasou o das 20h30 Vigo-Mos (cuxa existencia moita xente descoñece); unha muller de Porriño que estaba alí esperando na parada quedou alí sen saber que facer.

Tanto nesta última ocasión como en ocasións anteriores, mulleres, algún home, que esperaban comigo chamaron á compañía e nunca saben nada, nin dan unha información clara. Supomos que a propia empregada da compañía ten dificultades para face-lo seu traballo porque carece ela mesma da información que necesita para realizar adecuadamente o seu traballo.

Venres, 29 decembro 2017. Porriño-vigo directo.

Apareceu ás 18h50, un chisco tarde (suponse que sae de Porriño ás 18h30). Collino en Puxeiros por medo a que non me parase en Ramilo. E porque en caso de que non aparecese Faibus (é o que ten a perda de confianza do usuario nas empresas de transporte común privadas) sempre tería teoricamente a opción das outras empresas, Ojea, Raul. A queixa neste caso consistiría (non tanto no pequeno atraso) en que Faibus non pase sempre por Ramón Nieto, forzándonos a algunhas a unha boa camiñada. No sentido contrario pasaron dous autobuses. Raul e Faibus. Sería unha boa idea que polo menos Faibus se especializase no traxecto por Ramon Nieto.

ESTAMOS FARTAS DE QUE NOS DEIXEN TIRADAS, DE PASAR FRÍO E ESPERAR SEN SABER SE VAI PASAR ALGÚN AUTOBÚS. SENTÍMONOS ILLADAS.

Moitas non podemos conducir por razóns de saúde. O tráfico en Vigo está colapsado, especialmente ás horas de entrada e saída dos traballos. Non hai onde aparcar. O exceso de tráfico contribúe a empeora-la calidade do aire na cidade. E moito dese tráfico vén de fóra. Non é interno. Moitos mosenses traballan en Vigo. A nosa saúde, a seca (a contaminación dos coches contribúe a aumentar ó efecto invernadoiro, ó cambio climático). A señora alcaldesa tamén debería esforzarse un pouco máis en chegar a acordos co Concello de Vigo con respecto á tarxeta do urbano vigués. Que nos quiten a condición estúpida de ter que estar empadroados en Vigo ós mosenses—e non só ós mosenses—(é moi inxusto que teñamos que andar empadroándonos e desempadroándonos); moitos mosenses traballan en Vigo, e moitos máis consumen bens e servizos en Vigo, todos contribuímos á riqueza de Vigo. Pero volvemos ó de sempre, a quen non lle afecta (porque non lembra a última vez que colleu un autobús, paripés en campaña electoral á parte) non lle importa.

MANTER UN COCHE É UN GASTO ELEVADO DADOS OS SALARIOS CADA VEZ MÁIS BAIXOS.

O TRANSPORTE COMÚN É UN DEREITO DEMOCRÁTICO E NON UN NEGOCIO DUNS POUCOS. Para moitos políticos, o transporte común é de pobres.

Unha queixa xeneralizada, algo que moitas viaxeiras repiten, é que resulta fácil ir a Vigo, en dirección Vigo, e terriblemente difícil regresar. A moitas cádranos mal ir á estación de autobuses. De noite, a última hora, en inverno, resulta un traxecto escuro, sentímonos inseguras. Eu persoalmente síntome mellor, máis segura, collendo o autobús en Ramón Nieto.

Como xa mencionei na parada de Ramón Nieto non hai ningún sinal informativo cos horarios. Tampouco hai carteis informativos na parada de Álvarez e non sabemos se a parada de Escolas Nieto segue existindo. Ás veces os condutores paran en sinal de solidariedade.

As que estamos buscando traballo necesitamos ter asegurada a posibilidade de desprazarnos ata o traballo a Vigo ou a Porriño. Hai anos, 2013, 2014, o autobús das dez e media, pasaba tódolos días, había un ás dez e logo outro ás dez e media, por Ramón Nieto. De feito, durante un tempo, eu collíao con moita frecuencia.

Tamén débemos ter en conta que moitas viaxeiras e viaxeiros non imos necesariamente a Vigo-centro senón á diferentes puntos da zona que atravesa Ramón Nieto. En ocasións algunha xente ten optado por ir a pé a Cabral. Desde Puxeiros. Acabamos antes. Eu incluída.

A parada de Ramilo

Os condutores din que teñen ordes de excluír a parada de Ramilo. Ojea e outras empresas nunca pararon. Os condutores de Faibus ó parecer teñen ordes de non parar cremos que a certas horas. Non sabemos cales. De xeito que as persoas que temos que camiñar ata a parada de Ramilo, moitas veces optamos por camiñar aínda un treito máis longo e ir ata a parada de Puxeiros para asegurarnos de non quedar en terra. Camiñar non lle supón un problema grande á xente en boa saúde e/ou nova (supón unha perda de tempo). Se estás enferma, lesionada ou tes certa idade, é duro.

Por certo, necesitaríamos un paso de peóns á altura da parada de Ramilo dirección Porriño —ou un pouco antes para non meterse tan preto da curva, diante do portal da casa que alí hai—lixeiramente elevado para que freen de verdade os coches, e mellor iluminación na beirarrúa de en fronte (quizais un farol adicional intermedio entre o farol que se encontra en fronte da parada e o farol da parada dirección Vigo).

Tódolos autobuses deberían parar en Ramilo, incluso os que cobren grandes distancias. Faibús; Ojea, as outras empresas. Só pararían se encontrasen algún pasaxeiro. Non suporía unha perda de tempo importante, a porcentaxe de pasaxeiros que se encontrarían sería baixa.

Ademais, a subida de Ramilo a Puxeiros converteuse nun aparcadoiro de camións, nunha área de descanso para camioneiros. O traxecto é perigoso, con camións uns aparcando e outros que marchan. E resulta desagradable para o viandante.

Moitos condutores manifestan que reciben moitas queixas da xente; respóndennos que eles non poden facer nada. Non sabemos se lle trasladan ou non as queixas ós seus xefes respectivos pero o certo é que nestes tempos os traballadores temen os seus xefes e procuran non contrarialos. Un condutor, xa con moita antigüidade, ó que non se atreveron a despedir, contoume que na reestruturación despediran a moitos condutores e contrataran a moitos novos (supomos visto o visto que con salarios máis baixos e menos dereitos laborais).

Unha veciña, usuaria diaria do transporte común (ás noites de volta á casa, tras unha longa xornada de traballo, sempre colle o autobús das 20h30 Vigo-Mos) cóntame que algúns autobuses, que si pasan por Ramilo, os que cobren longas distancias (os que van ata Ás Neves, Tui, por exemplo) non paran nin na Rans nin en Sanguiñeda pois entran na A-55. Non suporía grande trastorno nin un aumento importante de tempo de traxecto que se desviasen ocasionalmente por un número anecdótico de pasaxeiros nos casos en que houbese pasaxeiros que o pedisen nesa precisa viaxe.

Por último, como axuda ós parados, recibamos prestación ou non, habería que facer presión ó goberno do PP da Xunta para que nos concedesen tarxetas gratuítas de transporte común interurbano.

Atentamente,

unha veciña.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.