Nigrán abre a programación de nadal este martes coa feste de encendido do alumeado

O grupo Alfeizar e Peter Punk serán os protagonistas desta xornada na que, ademáis das luces, se inaugura o belén de Lupe Soto.
Publicado por o día 03/12/2017 na sección de Galicia,Nigrán

Nigrán abre a programación de nadal este martes coa feste de encendido do alumeado

O Concello de Nigrán inaugura este martes 5 de decembro a programación de Nadal coa festa de encendido do alumeado durante toda a tarde no Auditorio e a Praza do Concello. Así, ao longo dun mes que remata coa tradicional cabalgata de Reis, o Concello ofrecerá un amplo abano de propostas de ocio para todo tipo de público: dende animación infantil para os nenos, eventos deportivos como a xa establecida carreira San Silvestre e os torneos do Club Baloncesto Nigrán e Panxón Futbol Sala, concertos de corais ou rondallas, baile para maiores, presentación de libros, proxeccións e
charlas…

Para comezar o martes 5, Peter Punk ás 18:00 horas na Praza do Concello e Alféizar ás 19:30 no Auditorio Municipal serán os protagonistas da festa do encendido, na que ademáis se inaugura o belén de Lupe Soto.

O nigranés Isaac Rodríguez Miranda é Peter Punk, considerado o mellor pallaso galego do momento, quen presentará o seu espectáculo para público familiar ‘Chungo ke te cagas”, unha actuación sen tregua, chea de humor e malabares, na que a comicidade se mestura coa habilidade na procura da gargallada do público. Gañador do Mundoclown 2008 e do Festiclown Rivas- Vaciamadrid 2013 e 2014, xirou por Brasil, Arxentina, Palestina, Italia, Portugal e multitude de festivais estatais e galegos. Con mais de 900 funcións realizadas, Peter Punk é un dos clowns de referencia, cun humor traste e fresco sen comparación. Pola súa banda, Alféizar son Beni Gago e Gonzalo ‘Gonzo’ Alonso, un dúo que se define a si mesmo como “o mellor conxunto musical de lírica comarcal’. “Se hai algo que caracteriza a estas novas promesas, é o talento levado á súa máxima expresión, tanto nas letras das súas cancións, de rabiosa actualidade, como na súa música moderna e directa, que fan as delicias de todo aquel que se abraia con elas”, resumen eles mesmos sobre un concerto que promete non deixar indiferente a ninguén.

A programación de Nadal continúa o venres 8 co concerto da Coral Stella Maris en Priegue (20.00 h) e ao día seguinte, sábado 9, coas corais Novos Aires de Panxón, Vagalume de Chandebrito, Ecos do Castelo de Parada e Stella Maris no Auditorio Municipal. Entre outras actividades, destacan polo seu carácter festivo o día 23 na Ramallosa Troula Animación co seu pasarrúas Funky Party para nenos e, ao día seguinte, a Rondalla de Parada por Nigrán, Panxón e Ramallosa. No eido deportivo, o Concello mantén a súa aposta pola carreira San Silvestre o día 30 de decembro e celebra os torneos do Club Baloncesto Nigrán e Panxón Fútbol Sala. Paralelamente, o Auditorio Municipal acollerá ata o día 14 de decembro a exposición ‘A Outra Cara de África’, dende o luns 18 a exposición dos alumnos da escola municipal de pintura e a ludoteca do 22 ao 5 de xaneiro.

A tradicional cabalgata de Reis o 5 de xaneiro coa posterior recepción aos reis no pavillón de Panxón porá o broche final a toda a programación de Nadal.